Ir o contido principal

A actividade física e deportiva, unha constante necesaria na formación integral das persoas

Vista da mesa redonda celebrada en Ciencias da Educación
A mesa celebrouse na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte
Unha mesa redonda organizada pola Área de Didáctica da Expresión Corporal abordou con representantes do sector deportivo a importancia dos centros educativos na promoción da actividade física e o deporte

A ex atleta de alto nivel e alumna de Mestre de Educación Infantil da USC, Celia Carracedo Pérez; a técnica deportiva do Concello de Santa Comba, Elisa Capelo Landeiro; o campión de Europa e do Mundo de Parataekwondo, Álex Vidal Álvarez; o xornalista deportivo Toni López García; e Felipe Barata Villapol,  director do CPI Dr. López Suárez de Friol e mestre de Educación Física,  participaron na mesa redonda ‘Os centros educativos: contornas para a promoción da actividade física e o deporte’.

O encontro serviu para poñer de manifesto o importante papel que xoga a actividade física e o deporte na formación integral das persoas durante todo o ciclo vital. O diálogo xurdido destacou a necesidade de incrementar os niveis de actividade física do alumnado galego durante o horario escolar, toda vez que o único espazo no que se pode garantir que o 100% da poboación escolarizada ten acceso ás actividades físico-deportivas son os centros educativos. Na xornada, alumnado do Grao en Mestre/a de Educación Primaria e do Dobre Grao en Mestre de Educación Infantil e Primaria da USC intercambiaron experiencias coas cinco persoas convidadas a esta actividade organizada pola Área de Didáctica da Expresión Corporal da Facultade de Ciencias da Educación.

A atención á diversidade foi outra das cuestións de interese do debate. Nesta liña púxose de relevo a importancia de que as aulas deben favorecer a inclusión, facilitando que o alumnado poida explorar todo o seu potencial, na medida do posible, nas mesmas condicións que o resto do grupo-aula. Incidiuse tamén na importancia de ter en conta a opinión do alumnado en relación ás adaptacións curriculares e de dinámicas de clase que poida precisar e a súa percepción sobre as diferentes situacións educativas que se produzan ou se poidan producir na aula e noutros espazos e momentos da estadía no centro.

Finalmente, a través das propias experiencias das persoas convidadas a formar parte da mesa redonda, o traballo colaborativo entre os centros educativos, as administracións públicas -especialmente as entidades locais-, e o tecido empresarial e asociativo da contorna próxima. “É necesario aproveitar os diferentes recursos, intereses e motivacións de todas estas entidades e institucións, así como da comunidade educativa para desenvolver iniciativas que contribúan á mellora da saúde, da educación e, en definitiva, da sociedade”, concluíron.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2022.