Ir o contido principal

A actividade universitaria, motor de cooperación e desenvolvemento en Asia

A USC é a única universidade española que logrou ser elixida coordinadora en tres proxectos nesta convocatoria. Foto: Santi Alvite
A USC é a única universidade española que logrou ser elixida coordinadora en tres proxectos nesta convocatoria. Foto: Santi Alvite
A USC lidera en Europa con preto de cinco millóns de euros a captación de fondos no marco do programa Erasmus + K2 de desenvolvemento de capacidades
Santiago de Compostela

A USC vén de captar preto de cinco millóns de euros a través do programa Erasmus + K2 logo de ser elixida coordinadora de tres proxectos, o máximo que permite a convocatoria, que favorecerán o desenvolvemento de capacidades en materia de ensino superior e xuventude, en distintas rexións do continente asiático. Os proxectos de desenvolvemento das capacidades teñen por obxectivo colaborar no proceso de modernización e internacionalización das organizacións ou institucións e sistemas.

Estas iniciativas prestan especial atención aos países menos desenvolvidos, universidades en zonas remotas, así como aos estudantes desfavorecidos de contornas socioeconómicas pobres ou con necesidades especiais. As sinerxías dentro de cada consorcio contribúen a intercambiar modelos de xestión e coñecementos que actúan como motor de desenvolvemento. Alén de ser entidade coordinadora, a USC participa como institución socia en outros catro proxectos no marco deste mesmo programa.

Os tres proxectos que serán executados por consorcios liderados pola USC están dotados con 2,8 millóns de euros. Os catro restantes nos que a Universidade é socia, abranguen un total de tres millóns de euros. Na edición que vén de ser resolta, só foron aprobados un total de 163 proxectos de entre os 840 presentados.

Líder en Europa e en España

A USC é a única universidade española que logrou ser elixida coordinadora en tres proxectos nesta convocatoria. Xunto a ela, só tres universidades europeas lograron igualar este número, o máximo permitido polo programa, trátase da Universidade Libre de Bruselas, a Universidade de Montenegro e a Universidade de Novi Sad en Serbia.

Proxectos coordinados

Exportar os coñecementos da USC para traballar no deseño e execución dun programa de mestrado en Economía Industrial, é o eixo en torno ao que xira o proxecto coordinado por Manuel Fernández Grela da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Neste consorcio impulsado pola USC participan centros de Eslovenia, Italia, Casaquistán, Turkmenistán e Taxiquistán.

O proxecto coordinado por David Losada do CiTIUS céntrase no eido da análise da Intelligent Big Data, a través do deseño de cursos destinados a alumnado de grao, mestrado, e profesionais da Enxeñaría. Italia, Eslovenia, Usbequistán, Casaquistán, Taxiquistán e Kirguizistán integran este proxecto que capacita na implementación deste tipo de accións formativas.

O profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, Marcelo Martínez Hermida, coordina un consorcio integrado por centros de Romanía, Luxemburgo, Cambodia, China e Malaisia. A finalidade deste proxecto é desenvolver as capacidades de xornalistas, analistas e estudantes de xornalismo para traballar na dirección das metas de desenvolvemento sustentable, cuxos contidos poden ser determinantes para as súas respectivas políticas nacionais.

Asociación estratéxica e alianza para o coñecemento

Traballar na innovación educativa é outro dos obxectivos da Universidade nos seus proxectos de cooperación internacional. Neste senso, a USC é coordinadora de dous proxectos dirixidos por Carmen Morante.

A Alianza para o Coñecemento integrada por España, Austria, Irlanda, Portugal, Bélxica e Reino Unido traballará no eido das metodoloxías de educación colaborativa e tecnoloxía intelixente. A alianza abordará dende o mes de novembro con centros educativos, universidades e empresas de base tecnolóxica ou institucións tecnolóxicas, o establecemento de dinámicas de adquisición de coñecemento baseado na innovación docente, investigación educacional e desenvolvemento tecnolóxico

A Asociación Estratéxica integrada por centros de España, Lituania, Italia e Portugal, aborda o xeito no que os recursos audiovisuais e dixitais contribúen a unha mellor adaptación do estudantado a unha contorna cambiante. Alén de coordinar esta iniciativa, a Universidade forma parte tamén doutras dúas asociacións como institución socia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.