Ir o contido principal

Unha activista colombiana celebra unha charla na Biblioteca como actividade complementaria á exposición de Amnistía Internacional

Esta actividade englóbase dentro da programación de Lugo Cultural

Dentro da programación de Lugo Cultural e como actividade complementaria á exposición situada na Biblioteca Provincial luguesa ‘Retrato dun escándalo universal de dereitos humanos. A discriminación e a violencia contra as mulleres’, dan comezo este venres 28 os encontros con mulleres defensoras dos dereitos humanos.
O primeiro será con Leonora Castaño Cano, presidenta de ANMUCIC (Asociación Nacional de Mujeres Campesinas, Indígenas y Negras de Colombia) e terá lugar na propia Biblioteca, o venres ás 20:00 horas. O martes 22 de abril será a vez de Valdenia Aparecida Paulino, avogada defensora de dereitos humanos en Brasil. Este encontro terá lugar no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado ás 20:00 horas.
Esta exposición, organizada por Amnistía Internacional, consta de 22 paneis nos que se ofrece un amplo abano de temas relacionados coa discriminación e violación dos dereitos humanos que sofren as mulleres en todo o mundo. Neles pode verse unha mostra da violencia contra as mulleres por parte das súas parellas ou ex parellas, os problemas que teñen as refuxiadas, a violencia por parte dos axentes do Estado ou o abuso dos seus corpos durante as guerras. Ademais, haberá un espazo destinado ás activistas, mulleres da política, do mundo sindical ou do mundo social e cultural, que destacaron e destacan polo seu labor en defensa dos dereitos humanos.
Con esta mostra Amnistía Internacional pretende resaltar a universalidade dos abusos dos dereitos humanos das mulleres, que coinciden na discriminación, á vez que se destaca o seu papel activo como axentes de cambio e defensoras dos dereitos. Na programación complementaria á exposición figuran encontros con defensoras de mulleres de Brasil e Colombia e a proxección de documentais relacionados co tema.
A mostra estará ata o luns 31 na Biblioteca Provincial de Lugo e pode visitarse entre as 9:00 e as 21:00 horas. Posteriormente, a exposición estará durante o mes de abril na Facultade de Administración e Dirección de Empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2008.