Acto de entrega dos premios de Boas Prácticas de calidade nos centros da USC
A primeira convocatoria para o recoñecemento de boas prácticas de calidade nos centros da USC entregará este martes 24 os seus premios a oito accións coas que bota a andar o repositorio de Boas Prácticas da USC. Esta é unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica que busca fomentar a cultura da calidade e estimular as iniciativas que desenvolven os centros neste eido. O reitor Antonio López presidirá este martes 24 a entrega de premios nunha sesión ás 17.00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome na que tamén participarán a presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Patrocinio Morrondo Pelayo.
Neste primeira convocatoria resultaron premiadas o Plan Executivo de Calidade, proposta dende a ETSE; un programa de apoio a estudantes de mobilidade entrante, da Facultade de Filoloxía; un protocolo de intervención sobre alumnado en risco potencial de abandono en Comunicación Audiovisual, de Ciencias da Comunicación; enquisas específicas de satisfacción dos grupos de interese da Facultade de Química; o Informe sobre materias con baixa taxa de superación recorrente, de Bioloxía; unha proposta de xestión documental do SGC mediante a AASX, de Veterinaria; o Mini-Congreso PEGI (Prácticas Extracurriculares en Grupos de Investigación) de Farmacia; e un ciclo de charlas sobre a práctica profesional da Psicoloxía.
O repositorio de Boas Prácticas nutrirase anualmente coas prácticas que resulten premiadas a raíz dunha convocatoria aberta aos centros. As accións propostas deben reunir unha serie de requisitos: solucionar un problema ou contribuír á mellora continua da actividade docente e de xestión da calidade; ter completado o ciclo de planificación, implementación, avaliación, axuste e mellora; atoparse en aplicación; ser eficaz, eficiente e efectiva, ademais de sostible, replicable e innovadora; e contar con suficientes evidencias do seu desenvolvemento e eficacia.