Acto de entrega dos premios da sexta edición do programa Argos ‘Creando equipos emprendedores’ da USC
A sexta edición do programa Argos ‘Creando equipos emprendedores da USC’ entregará o vindeiro luns 1 de xullo aos seus premios aos dous mellores equipos desta convocatoria. O director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendimento da USC, José L. Villaverde Acuña, presidirá o acto de entrega a celebrar no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía Historia) a partir das 12.00 horas e no que tamén intervirán o concelleiro de Presidencia do concello de Santiago, Gumersindo Guinarte; a deputada da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo; o director da Área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; e a técnico da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Elena Polo Prieto.
Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderán ser a base do seu plan de empresa. O seu obxectivo é conformar equipos interdisciplinares aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente.
A convocatoria contempla dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.