Acto en lembranza de José Rodríguez González, ‘o matemático do Bermés’
A Aula Magna da Facultade de Matemáticas acolle este mércores 13 un acto en lembranza do ilustre matemático da USC José Rodríguez González (Bermés, Lalín 1770 - Santiago de Compostela, 1824), coñecido como ‘o matemático do Bermés’. O acto, ás 12.00 horas, celébrase con motivo da presentación do vítor a José Rodríguez González que a Facultade de Dereito da USC lle cede á de Matemáticas. Intervirán a decana e o decano de Matemáticas e Dereito, Victoria Otero e Luis Míguez, respectivamente; e o profesor Xosé María Masa Vázquez, que fará unha lembranza do ilustre matemático desta universidade.
José Rodríguez González, que fora catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago nos primeiros anos do século XIX, foi un gran impulsor do estudo das ciencias exactas na institución e destacou, entre outros, nos campos da astronomía e a xeoloxía.