Ir o contido principal

Un acto no Paraninfo da Universidade lembrará o discurso de despedida de Otero Pedrayo como catedrático da USC

Otero Pedrayo diante do edificio da Facultade de Xeografía e Historia
Otero Pedrayo diante do edificio da Facultade de Xeografía e Historia

A Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Otero Pedrayo celebran este martes 3 de marzo o acto de lembranza ‘A derradeira lección de Otero Pedrayo’, na memoria do seu discurso de despedida como catedrático da USC, en marzo de 1958. Esta homenaxe recorda o discurso solemne que o mestre converteu na primeira lección que se deu en galego na universidade despois da Guerra Civil. No Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia a partir das 12.00 horas, o reitor Juan Viaño presidirá a sesión na que tamén intervirán o residente da RAG e asistente á derradeira lección de Otero Pedrayo, Xesús Alonso Montero; o presidente do Consello da Cultura Galega e coautor do ensaio ‘O autor de Solovio’, Ramón Villares; o presidente da Funcación Otero Pedrayo, Víctor F. Freixanes; e Patricia Chachero e Afonso Vázquez Monxardín, coautores de Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976). Na mesma sesión reproducirase unha gravación sonora do propio homenaxeado. Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unha das máis sobranceiras figuras da historia da cultura galega. Membro destacado da Xeración Nós, a súa traxectoria vital e intelectual vai dende as cortes republicanas, nas que foi deputado galeguista, ata a presidencia na fundación de Editorial Galaxia, cargo que desempeñou ata a súa morte. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago dende 1950 ata 1958. Como escritor cultivou todos os xéneros literarios, dende a poesía ao teatro, pasando pola novela, o relato, o xornalismo e o ensaio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2015.