Ir o contido principal

ADE impulsa un ciclo de relatorios sobre innovación, márketing e transformación dixital

Imaxe de arquivo de estudantado na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo de estudantado na USC. FOTO: Santi Alvite
A primeira das sesións terá lugar este mércores 13, ás 11.00 horas, e correrá a cargo de Jaime Landeta, cofundador e actual CEO de Apodemia, unha cadea de xoiería de autoría

O grupo de innovación docente en Xestión de Datos e Novas Tecnoloxías na Educación en Márketing organiza o ‘MarketingHub: ciclo de charlas sobre innovación, márketing e transformación dixital’ que se desenvolverá na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo os días 13 e 21 de novembro e o 18 de decembro. No marco desta iniciativa, profesionais e persoal académico de recoñecido prestixio abordarán diversos temas no campo da innovación, o márketing, o emprendemento e o impacto da tecnoloxía nestas áreas. Todos os relatorios terán lugar no Salón de Graos do centro. 

Relatores

Jaime Landeta, cofundador e actual CEO de Apodemia, unha cadea de xoiería de autoría, impartirá o relatorio deste mércores 13, ás 11.00 horas. Jaime Landeta estudou Ciencias Económicas e complementou a súa formación cun mestrado de Análise e Valoración de Empresas (IEB). Antes de lanzarse ao mundo emprendedor con Apodemia, gañou experiencia profesional en grandes compañías como BBVA e Altium Capital. Esta charla é de acceso libre e aberta ao conxunto da cidadanía. 

A  Charla do 21 de novembro, ás 12.00 horas, diríxese especificamente a estudantado que cursa Investigación Comercial nos graos en ADE e Empresa e Tecnoloxía. O relator é Juan Graña, fundador e CEO de Neurologyca dende 2013. Neurologyca é unha empresa líder en Neuro Intelixencia Artificial (NeuroIA) que combina tecnoloxías avanzadas de neuromarketing con intelixencia artificial centrada no ser humano. Graña é un profesional do márketing e especialista no desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías e metodoloxías baseadas na neurociencia para mellorar o coñecemento dos procesos cognitivos das persoas. Posúe unha ampla experiencia en consumer insights, consultoría e investigación de mercado traballando para marcas como Pepsi, Nestlé, Volkswagen, Movistar, Banco Santander, Orange, Verisure - Securitas Direct, Mediaset, Atresmedia, entre outras. Foi galardoado en 2022 como CEO do Ano nos Premios La Razón (Grupo Planeta), na categoría ‘Neurociencia e investigación de mercado’. 

Gustavo Pernas de EMEA Client Services Lead at Tik Tok e con experiencia previa en compañías como Google, Facebook/Instagram ou Pinterest, será o relator do 18 de decembro, ás 12.00 horas. Egresado da Universidade de Santiago de Compostela, Pernas realizaou despois un ciclo superior de Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas e tamén un MBA na Bussiness School Hult, en Londres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2024.