Ir o contido principal

ADE impulsa a empregabilidade de colectivos en risco de exclusión a través do proxecto Troya

A Facultade de ADE do Campus de Lugo acolleu esta semana a presentación desta iniciativa
A Facultade de ADE do Campus de Lugo acolleu esta semana a presentación desta iniciativa
A iniciativa liderada dende a Aula TIC PEMEs diríxese a persoas con síndrome de down e discapacidade intelectual
Lugo

Que o mercado de traballo deixe de ser un espazo excluínte para determinados colectivos considerados en risco de exclusión social é o eixo sobre o que se asenta o proxecto Troya, un curso para o desenvolvemento de habilidades empresariais dirixido a persoas con síndrome de down e discapacidade intelectual. Impulsado dende a Aula TIC PEMEs da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Troya aspira a que o mundo laboral se transforme nun ámbito onde estas persoas poidan exercer o seu dereito á empregabilidade, demostrando e difundindo a súa capacidade e competencia como persoas traballadoras.

A Facultade de ADE do Campus de Lugo acolleu esta semana a presentación desta iniciativa a través dun acto no que participaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o decano de ADE, Roberto Bande; o deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e a representante da Asociación de Síndrome de Down Lugo, Saray Lodeiro Castro, entre outras autoridades que acompañaron á profesora Ángeles López Cabarcos, coordinadora desta iniciativa.

“As melloras na formación, na cualificación e os avances a nivel tecnolóxico son aspectos que hai que ter moi en conta para garantir as posibilidades de adaptación das persoas con discapacidade a unha contorna tan cambiante como é o ámbito do traballo”, explica a profesora López Cabarcos. Á hora de falar da síndrome de Down e discapacidade intelectual “isto é máis significativo”, tendo en conta que a maioría das persoas que o sofren “non contan con estudos superiores que lles permita este tipo de capacitación; así, as estatísticas mostran que as persoas con discapacidade con estudos primarios teñen unha porcentaxe de ocupación moito menor en comparación coas que teñen formación superior”, engade. O estudantado contará con apoio personalizado e adaptado. O proxecto finalizará no mes de novembro. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2025.