ADE reelixe a Roberto Bande como o seu decano
O profesor Roberto Bande repetirá como decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo logo de ser reelixido nos comicios que se desenvolveron este luns 4. Nunha xornada con alta participación (o 66% do censo), o profesor Bande obtivo o 95% dos votos a favor e 1 voto en branco.
Nos próximos seis anos, o decano e o seu equipo de goberno poñerán o foco na mellora da calidade e a captación de estudantado para os títulos impartidos no centro, nun contexto de caída demográfica e competencia na rama de Ciencias Sociais e Xurídicas. Segundo Bande, “a oferta de formación de calidade contrastada por parte dun profesorado altamente implicado é a única vía para poder mellorar os indicadores polos que seremos avaliados no futuro”.
No ano 2025 tanto a certificación da implantación do Sistema de Garantía Interna de Calidade como a certificación de Acreditación Institucional da Facultade serán sometidas a reavaliación. O compromiso coa calidade é, polo tanto, un dos eixos de actuación principais deste equipo integrado por Marta Portela Maseda como vicedecana de Calidade; Guadalupe Vila Vázquez, vicedecana de Comunicación e Relación co Ensino Medio; e Luís Ignacio Rodríguez Gil, secretario do centro
Currículo
Roberto Bande é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC (1996), mestrado MSc in Economics polo Birkbeck College da University of London (1997), doutor en Economía pola USC (2002) e Premio Extraordinario de Doutoramento. Na actualidade, e dende o ano 2022, é profesor titular de universidade no departamento de Fundamentos da Análise Económica, no que leva desenvolvendo a súa actividade docente e investigadora dende que comezou os seus servizos na USC no ano 1998. Dende hai sete anos imparte docencia de xeito regular na Facultade de ADE, aínda que tamén tivo encargo docente en diferentes cursos na Facultade nos últimos vinte anos.
No eido investigador, ten recoñecido tres tramos de investigación e un de transferencia por parte da Comisión Nacional de Avaliación da Actividade Investigadora (sexenios), ten dirixidas sete teses de doutoramento (todas elas avaliadas coa máxima cualificación), e foi o coordinador na USC do Programa de Doutoramento Internacional Interuniversitario en Ciencias Sociais e Envellecemento entre 2020 e 2024.