Agricultura e innovación tecnolóxica na Península Ibérica, a exame nun seminario no CEA
O seminario ‘Agriculturas e innovación tecnolóxica na Península Ibérica: Portugal e España en perspectiva comparada (1946-1986)’, organizado pola USC e a Universidade Nova de Lisboa, comezou este venres facendo balance da denominada Revolución Verde e dos seus modelos de desenvolvemento en Portugal e España. As sesións académicas, que se desenvolverán ata o sábado, día 24, celébranse no Centro de Estudos Avanzados (CEA) da Universidade de Santiago.
Como apertura do seminario, o profesor do Instituto Superior de Agronomía da Universidade Técnica de Lisboa Fernando Oliveira comezou tratando a modernización da agricultura portuguesa na segunda metade do século XX. Deseguido, o docente do Departamento de Xeografía, Historia e Filosofía da Universidade Pablo de Olavide, David Soto Fernández, referiuse aos cambios provocados pola Revolución Verde no eido rural os cales aceleraron a difusión mundial das novas tecnoloxías, a integración mercantil e o desenvolvemento dun modelo agroindustrial.
Xa pola tarde, a sesión continuou profundando nas reaccións das sociedades rurais ante os proxectos “modernizadores” da Revolución Verde. Deste xeito, a investigadora do Instituto de Historia Contemporánea da Universidade Nova Lisboa, Dulce Freire, explicou a súa investigación no concello luso de Alpiarça onde observou as reaccións locais e os impactos destas actitudes no proceso de modernización da agricultura da zona que fomentou o Estado.
Como peche da primeira xornada, a docente do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC, Ana Cabana Iglesia, analizou as protestas da poboación rural galega contra a concentración parcelaria aportando casos concretos nos concellos da Terra Cha.
A segunda xornada do encontro comezará o sábado, día 24, ás 9:30 horas, cunha conferencia sobre as dúas medidas de política forestal levadas a cabo en Portugal no período da ditadura. Pronunciado pola investigadora do Instituto Superior de Economía e Xestión da Universidade Técnica de Lisboa, Amélia Blanco, o relatorio ten como obxectivo avaliar os resultados destas dúas medidas prestando especial atención á produción de pasta de papel que comezou en 1950 e que, despois, incidiu no crecemento económico portugués.
O seminario continuará coa charla do profesor do departamento de Historia Contemporánea e América da USC, Eduardo Rico Boquete, quen explicará o desenvolvemento das novas especies e das industrias no sector forestal en España dende 1939 ata 1975. A continuación, a partir das 12:00 horas, a profesora do Instituto de Historia Contemporánea da Universidade Nova de Lisboa, María Fernanda Rollo, analizará o papel da asistencia técnica americana á agricultura portuguesa durante a posguerra.
Como clausura do seminario, o profesor do Departamento de Historia Contemporánea da Universidade Autónoma de Madrid, Juan Luis Pan, abordará as políticas agrarias e de enxeñaría realizadas entre a Guerra Civil e o centenario da profesión.