‘Agricultural and Forest Meteorology’ publica un estudo da EPS de Enxeñaría sobre cambio climático e formación da madeira
A revista ‘Agricultural and Forest Meteorology’, unha publicación científica de carácter internacional e especializada na difusión de artigos científicos que afondan sobre a interrelación entre meteoroloxía, agricultura, silvicultura e ecosistemas naturais, inclúe no seu último número un artigo asinado por Guillermo Guada, Rosa Ana Vázquez-Ruiz e Ignacio García González, profesores e investigadores do departamento de Botánica da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría integrados no grupo Bioaplic, sobre a relación entre o cambio climático e as oscilacións de temperatura e a conformación da madeira.
Os resultados científicos dos que se dá conta neste artigo forman parte da liña de traballo comezada a finais da década dos anos 90 polo profesor García González e agora continuada por estes investigadores do grupo Bioaplic, que forma parte da Agrupación Estratéxica de Investigación BioReDes do Campus Terra da USC, no ámbito da formación da madeira en carballos. De feito, esta publicación incluída en ‘Agricultural and Forest Meteorology’ achega datos compilados na maior rede mostraxe realizada ata o momento a fin de poder determinar a incidencia entre temperatura e conformación de madeira.
Este laborioso traballo de campo forma parte da investigación de doutoramento que está a desenvolver Guillermo Guada baixo a dirección do profesor Ignacio García Gonzalo. No marco desta liña de estudo, os investigadores do grupo Bioaplic analizaron exemplares de bosques de carballo establecidos en 9 localidades das concas dos ríos Lor e Eume ao longo dos anos 2012 e 2013. A análise dos datos recollidos nesta fase de estudo permitiron a obtención de conclusións e resultados que poden resultar de especial interese para avaliar os efectos e as posibles consecuencias do cambio climático en Galicia.
Una das principais conclusións á que chegan os autores do estudo que vén de publicar ‘ Agricultural and Forest Meteorology’ afecta ao establecemento dunha relación máis ou menos directa entre o despregue da follaxe dos carballos e a formación dos vasos condutores na madeira dos seus troncos. As pescudas realizadas neste eido polos investigadores do grupo Bioaplic da USC constatan que a sincronía destes procesos, que acostuman a ter un desenvolvemento en parello, pode estar modificada por unha variable externa como é o caso da temperatura.