Agroecoloxía e a gobernanza da auga centrarán un curso de verán da USC do 5 ao 7 de xuño na Casa do Saber
Dez relatores abordarán distintos aspectos da agraoecoloxía e a gobernanza da auga no marco dun curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela que se celebrará do 5 ao 7 de xuño na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo.
Este seminario estival, dirixido polos profesores da USC Tomás Cuesta García e Xan Neira Seijo, inclúe asemade a celebración dun taller sobre xestión do territorio e elaboración de guías para a xestión de recursos naturais, unha actividade que será impartida por Víctor Cuadrado Prado, responsable de I+D+i da empresa Gimena (Gestión Integral do Medio Natural), e por Francisco Xosé Candia Durán, profesor do máster universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da Universidade de Santiago de Compostela. Un percorrido en catamarán desde o núcleo de Belesar e con paradas na praia fluvial de A Cova e na illa de Sernade, e unha visita guiada pola Ruta da Auga de Guitiriz, a cargo do técnico municipal José Cornide Río, completan as actividades formativas programadas neste curso, que conta co financiamento da Deputación Provincial de Lugo, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e a Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA), así como da Asociación Galega de Investigadores da Auga (Agaia) e do Centro de Estudos Rurais e de Agricultura Internacional (Cerai). Programa O xefe da área técnica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia no Servizo de Conservación da Natureza, Santiago Fraga Sáenz, abrirá a quenda de relatorios do curso o vindeiro 5 de xuño, a partir das 10.00 horas, no salón de actos da Casa do Saber, cunha charla sobre a pesca deportiva e a conservación dos ecosistemas fluviais. De seguido, o xefe da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Son da Universidade de Santiago, Rufino Vieira Lanero, disertará sobre a biodiversidade acuática continental. Un relatorio sobre as ameazas á biodiversidade nos ecosistemas fluviais, a cargo da profesora da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña María J. Serviá, pechará a quenda de relatorios da primeira xornada deste curso. Xa en quenda de tarde, os/as participantes poderán facer percorrido en catamarán pola contorna de Belesar. Un taller sobre xestión do territorio e elaboración de guías para a xestión dos recursos naturais e a visita guiada polo ciclo integral da auga en Guitiriz ocuparán a segunda xornada deste curso, que se desenvolverá en quenda de mañá e rematará o 7 de xuño con catro novos relatorios. O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Xan Neira Seijo abrirá a quenda de relatorios da xornada de clausura cunha charla sobre gobernanza da auga en ecosistemas fluviais. A xestión da auga residual no ámbito rural será o tema que abordará o tamén profesor da USC Tomás Cuesta. María Dolores Vázquez, profesora de Ecoloxía da Universidade de Santiago disertará sobre a investigación con briófitos acuáticos como indicadores de calidade en medios fluviais. A responsable de programas europeos de WWF España, Celsa Peiteado abordará a PAC e a directiva marco da auga no relatorio de clausura deste foro estival da USC. Prazos e matrícula
As persoas interesadas en participar neste curso de verán, que está estruturado en 25 horas de formación e non ten límite de prazas, poderán formalizar a súa inscrición ben en liña ou de xeito presencial ata o vindeiro 25 de maio. O prezo da matrícula é de 40 euros e os estudantes da USC poderán solicitar o recoñecemento d un crédito de libre configuración.