Agrónomos recobra fulgor no Campus de Lugo
O máster en Enxeñaría Agronómica que imparte a USC na súa Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo semella ter recuperado este curso o fulgor que de sempre caracterizou a sede universitaria luguesa, un campus que non esquece o seu tradicional e importante cometido na formación técnicos agrícolas e enxeñeiros agrónomos. Estas titulacións, outrora portas para converterse en protagonistas activos da transformación do medio rural de Galicia e tamén do tecido produtivo do seu sector agroalimentario, comezan a recobrar vellos folgos, o que se traduce en aulas vivas, cheas de mozos e mozas que ollan na terra e na agronomía unha senda acaída para o seu futuro.
A tendencia apunta en positivo, segundo subliña o coordinador do máster en Enxeñaría Agronómica da USC, o catedrático Santiago Pereira Lorenzo, quen logo de sortear durante anos a tristura que deparan os pupitres baleiros, viuse obrigado este curso a mudar de aulario por mor da elevada matrícula de alumnado. “As 25 prazas ofertadas pola USC neste programa de posgrao están practicamente cubertas, a expensas da incorporación de alumnado estranxeiro”, comentou Pereira Lorenzo, para quen supón “un éxito” que un máster habilitante como é o de agrónomos supere a cifra de 20 estudantes.
Alén das cuestións numéricas, este catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC no Campus de Lugo salienta a motivación e o interese amosado pola futura promoción de enxeñeiros agrónomos que está a formar. “Parte do alumando que accedeu este curso ao máster xa completou a formación do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na EPSE, pero tamén recibimos xente de Ourense e mesmo de León, o que supón un respaldo para a calidade da titulación impartida no Campus de Lugo”, indica o coordinador o máster en Agrónomos da USC, quen atribúe o renovado éxito desta titulación a varios factores.
A confusión xerada por mor da supresión das enxeñarías técnicas, así como pola diferenciación entre as competencias profesionais atribuídas ao título de grao e ao de máster non axudou a que moitos rapaces e rapazas se decantaran por ampliar a súa formación co máster de agrónomos, recoñece Pereira Lorenzo, quen, sen embargo, aplaude os esforzos realizados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos para espertar entre a mocidade novas vocacións cara a agronomía, así como a decisión da Administración de manter para o créditos destes estudos de posgrao o mesmo prezo que para os de grao.
O apego á terra de parte do alumnado que cursa esta titulación é outro dos parámetros favorables que advirte o profesor Pereira Lorenzo, quen, sen embargo, precisa que a esta titulación chegan mozos e mozas procedentes de explotacións agrogandeiras importantes, pero tamén outros rapaces e rapazas que pouca ou ningunha relación teñen como mundo rural. Daquela, ante esta realidade, Pereira Lorenzo entende que as múltiples saídas profesionais que ofrece unha titulación habilitante como é a de agrónomos, que capacita tanto para a investigación, para o acceso á función pública ou, entre outros cometidos, para o exercicio profesional en diversas consultorías, figura entre as razóns que están a motivar o rexurdimento deste máster.
Outro dos atractivos engadidos que, na opinión de Pereira Lorenzo, esperta o máster en agrónomos vén dado polo feito de ser a única titulación universitaria ofertada en Galicia que conta cunha especialidade en viticultura. Esta singularidade non é un menor, sobre todo dada a crecente importancia e o volume de negocio que xera a viticultura en Galicia, dixo.