Ir o contido principal

O AHUS recibe a doazón do fondo fotográfico sobre a Guerra Civil de Mario Blanco Fuentes

De esquerda a dereita, Désirée Mª Domínguez Pallas, Juan Blanco e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Désirée Mª Domínguez Pallas, Juan Blanco e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
Trátase de preto dun milleiro de imaxes sobre a contenda bélica xunto a outras instantáneas relativas a escenas da vida cotiá nas cidades e á organización das distintas actividades que se levaban a cabo na retagarda
Santiago de Compostela

O Arquivo Histórico Universitario (AHUS) recibiu este xoves 8 a doazón dun total de 913 imaxes fotográficas da Guerra Civil española, entre outras instantáneas relativas a escenas da vida cotiá nas cidades e á organización das distintas actividades que se levaban a cabo na retagarda. Trátase de dous álbums de fotografías pertencentes a Mario Blanco Fuentes (Cuntis, 1917–A Estrada, 2000), membro do gabinete fotográfico do ‘Cuerpo de Ejército de Galicia’ (CEG) entre os anos 1937 e 1939. Entre este importante volume de imaxes, atópanse tamén algunhas pertencentes a recoñecidos fotógrafos como Ángel Llanos e Jaime Pacheco, compañeiros do gabinete do CEG.

“Coa incorporación destes dous álbums de fotografías o Arquivo Histórico enriquece de xeito significativo a súa colección fotográfica, favorecendo a conservación deste legado familiar en condicións adecuadas e fomentando, grazas á xenerosidade da familia, o estudo e a investigación sobre este tráxico episodio da nosa historia”, explicou a directora do AHUS, Désirée Mª Domínguez Pallas. Unha vez finalizada a Guerra, Blanco Fuentes estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, na que se licenciou a mediados dos anos 50. En 1959, foi nomeado pola Gobernación Civil da provincia de Pontevedra alcalde da Estrada, cargo que ocupou ata 1970. Tivo catro fillos, os catro egresados da universidade compostelá.

O acto de doazón estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e contou coa participación da directora do Arquivo e do director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan Blanco, quen asistiu en nome e representación da familia do fotógrafo estradense. Tendo en conta, a estreita vinculación vital e profesional tanto do autor do fondo como da súa descendencia coa Universidade de Santiago, é vontade dos seus herdeiros ceder o fondo fotográfico orixinal ao AHUS. Esta cesión ten carácter non de depósito senón de transmisión da propiedade ao Arquivo que pasa a ser titular de todos os dereitos de uso e reprodución do fondo.

A doazón é “resultado dun periplo bélico de tres anos, coa súa inseparable Leica en man”, dixo Juan Blanco en relación a seu pai, Mario Blanco Fuentes. Trátase de fotografías orixinais que “reflicten toda a rudeza e violencia do conflito pero que tamén, en ocasións, transmiten escenas da vida cotiá nas cidades, da organización das actividades na retagarda e, como non, da experiencia de seis mozos que, malia a catástrofe que os rodeaba, estaban vivindo, co relativo desenfado da plena mocidade, unha experiencia que os marcaría para sempre”.

Non todas as fotos saíron do obxectivo de Mario Blanco, entre outras cousas porque, no reverso da maioría das instantáneas, onde van os correspondentes comentarios identificativos de cada imaxe, a letra manuscrita é de diferentes mans. Este fondo fotográfico está conservado en dous grandes álbums apaisados (31 x 46 cm), con tapas de carón groso, en cada páxina dos cales as fotos van pegadas con cantoneiras adhesivas, nunha orde que pretende seguir o itinerario bélico. Ángel Llanos, Jaime Pacheco, José Lombardía, Faustino López e José Longueira integraron, xunto a Mario Blanco Fuentes, o gabinete fotográfico co CEG.

A secretaria xeral Dulce María García Mella, en primeiro termo, tamén aisistiu ao acto. FOTO: Santi Alvite
A secretaria xeral Dulce María García Mella, en primeiro termo, tamén aisistiu ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2024.