O álbum infantil, eixo da oitava edición do curso da USC sobre literaturas infantís e xuvenís ibéricas
Expertos académicos, autores e ilustradores manterán encontros en Santiago a vindeira semana no marco do VIII curso de formación continua ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora. O álbum infantil’. Entre os días 5 e 8 terá lugar na Biblioteca Novacaixagalicia a parte presencial do curso da man de membros do grupo de investigación LITER21 da USC e da Rede temática de investigación ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano’ (LIXMI), coordinados por Blanca Ana Roig Rechou. Os máis de cen matriculados asistirán a charlas, mesas e coloquios sobre o álbum infantil como produto editorial e sobre o seu uso nas aulas ou en talleres de tipofotos. Ademais no transcurso do encontro, o xoves 5 ás 10.00 horas, presentarase o monográfico O álbum infantil. Século XXI que se publica co apoio da Fundación Caixa Galicia e Edicións Xerais de Galicia. Inauguración O curso inaugúrano o luns 5 ás 10.00 horas a súa directora, a profesora Roig Rechou, e o responsable da Biblioteca Novacaixagalicia, Pedro Lucas. A continuación, as investigadoras Eulalia Agrelo e Isabel Mociño presentarán o ‘Informe sobre docencia e investigación 2011 na LIX a partir dos Informes de Literatura (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades)’. Xa ás 12.00 horas Chema Heras Varela e Rosa Osuna manterán unha conversa con Blanca-Ana Roig en relación ao seu álbum Avós. As sesións da tarde retomaranse ás 16.30 horas cunha disertación de Carmen Ferreira Boo titulada ‘Editorial Kalandraka e Faktoría K. A modernización do álbum’ para, ás 19.00 horas, celebrarse un encontro con Gémeo Luís e João Pedro Mésseder, ilustrador e escritor portugueses. Os axentes literarios O curso trata dunha temática -as literaturas infantís e xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos- xeralmente excluída dos planos de estudo universitarios pero dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e Comunicación. Neste caso, os organizadores tentan analizar estas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico. Reunión da Rede Parella ao cursoo martes 6 terá lugar no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a reunión científica de carácter anual da Rede temática de investigación ‘Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano’.