Ir o contido principal

'Alejandro Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país' recupera a memoria dun dos modernizadores da Universidade galega

A exposición inaugúrase este mércores no Colexio de Fonseca con material alusivo ao Campus Histórico que se mostra por vez primeira

A exposición ‘Alejandro Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’ renderá homenaxe ao que fora reitor da USC na década dos anos 30 cando se celebra o 75 aniversario do seu paramento. Esta nova iniciativa forma parte dos actos organizados pola Vicerreitoría de Cultura compostelá con motivo da conmemoración do Ano Rodríguez Cadarso.
A mostra presentouse en rolda de prensa este mércores 17 no propio Colexio de Fonseca, sede da exposición, coa intervención do vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e do director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, que estiveron acompañados dos comisarios da iniciativa, Ricardo Gurriarán e Manuel Bermejo. A inauguración oficial celébrase este mesmo mércores 17 ás 20:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e do reitor compostelán, Senén Barro.
O obxectivo da exposición é recuperar a transcendental figura do que fora reitor da USC, Alejandro Rodríguez Cadarso, e cuxo legado atópase actualmente vixente e perfectamente integrado na vida universitaria no Campus Histórico, espazo comprendido entre a Alameda e o Estadio de Atletismo, “hoxe en día un dos principais expoñentes do patrimonio contemporáneo de Santiago e Galicia”, subliñou Elías Torres. De feito, esta zona recreouse nunha maqueta encargada exclusivamente que amosa o aspecto que hoxe tería o Campus Sur de terse desenvolvido integramente conforme ao proxecto orixinal de Cadarso.
Anatomista, docente activo, político, Rodríguez Cadarso iniciou a xestión da modernización da USC, posibilitando a mellora das infraestruturas e da docencia activa, a apertura da universidade á sociedade e o achegamento á comunidade científica internacional. No seu conxunto, o abano de elementos que integran a mostra conxúganse nunha acción pedagóxica que materializa a recuperación dunha destacada personaxe e dunha voz da memoria colectiva de Galicia.
Entre os seus máis destacados proxectos atópase a construción dunha Residencia de Estudantes para a Universidade. De feito, a mostra dedica unha sala especial a esta importante intervención, mostrando por vez primeira material conservado no Arquivo Universitario dos planos e trazas dos edificios da residencia. En conxunto, Rodríguez Cadarso entendeu a acción universitaria con vocación de servizo, influenciado polo espírito do novo galeguismo dos anos 20 e 30 do século pasado.
Ao longo das dúas salas abertas en Fonseca ata o 22 de febreiro, o visitante poderá coñecer a faceta de Cadarso como brillante estudante e como docente na Cátedra de Anatomía da Facultade de Medicina da USC, onde levou a cabo unha importante actividade de formación e promoción tanto na aula como na investigación. Na súa faceta universitaria chegou a fundar un destacado Gabinete Anatómico e estableceu contactos coas importantes escolas anatómicas de Lisboa e Porto, ademais de ser académico correspondente da Sociedade Anatómica Francesa.
Fóra do espazo universitario Cadarso tamén destacou pola súa implicació na política activa ao entrar a formar parte das Cortes encadrado nas filas da ORGA de Santiago Casares Quiroga.
A recuperación da súa figura e memoria dará pasos tímidos nos anos 60 e xa, de xeito consolidado, no ano 83 con motivo do 50 aniversario do seu falecemento. “Cadarso foi unha voz silenciada”, sinalou o comisario da exposición Ricardo Gurriarán para explicar como a ditadura exerceu represión contra a súa viúva e fillos privándoos da pensión que percibían e deixándoos en graves atrancos económicos.
A exposición poderá visitarse de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2008.