Alexandre Sotelino, mellor docente universitario de España
O profesor da USC na Facultade de Ciencias da Educación, Alexandre Sotelino, acaba de ser distinguido como mellor docente universitario de España no marco do Premio Educa Abanca. Este galardón concédese a partir das votacións realizadas polo propio alumnado nun formulario en liña. Posteriormente os e as docentes que aceptan a súa participación envían o seu currículo que despois é revisado por un Comité de Expertos.
Esta é a terceira vez que Alexandre Sotelino está nomeado a estes premios, aínda que nesta ocasión o profesor da USC obtivo a máxima cualificación cun total de 123 puntos. En concreto, á hora de puntuar os currículos, o comité valorou os eidos de investigación e transferencia (25%), calidade docente e satisfacción do alumnado (25%), proxección do docente na sociedade (19%), formación e reciclaxe de coñecementos (13%), transmisión de valores (13%), así como innovación e TICs (6%).
Outros recoñecementos
A actividade docente do profesor Sotelino ten recibido diversos recoñecementos. Así, o proxecto ‘Pedagoxía Intercultural e APrendizaxe-Servizo’ (PEINAS), do que é coordinador xunto a Miguel A. Santos Rego, foi tamén recoñecido nos Premios SUISIA 2021, coa insignia SUISIA Starter (Spanish universities in social innovation activities), recibindo por parte do xurado o primeiro accésit. A finalidade deste galardón é distinguir proxectos docentes novidosos que desenvolvan habilidades e fortalece capacidades para a innovación e a transformación social.
O Proxecto PEINAS, cunha traxectoria de once edicións, consolida a metodoloxía da aprendizaxe-servizo no marco da materia Pedagoxía Intercultural do Grao de Pedagoxía. Por medio desta experiencia, o alumnado entra en contacto con entidades do terceiro sector nas cales se xestiona a diversidade cultural.