Ir o contido principal

Alfredo Bermúdez de Castro integrará a Comisión Asesora de Política Científica da Secretaría de Estado de I+D+i

É un dos oito investigadores designados polo Ministerio de Economía e Competitividade

O catedrático do Departamento de Matemática Aplicada da USC Alfredo Bermúdez de Castro acaba de ser designado como un dos oito científicos que formarán parte da Comisión Asesora de Política Científica da Secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía e Competitividade. Designado para un período de catro anos, conforman esta comisión investigadores de recoñecido prestixio que abarcan un rango de coñecementos que permitan cubrir unha ampla diversidade de campos de investigación O nomeamento do profesor Bermúdez de Castro prodúcese tendo en conta a súa relevancia no ámbito da transferencia de coñecemento. Durante o período 2006-2011 foi coordinador da Área de Transferencia de Tecnoloxía na Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (ANEP) e é un dos promotores do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), consorcio público creado polas tres universidades galegas cuxo obxectivo fundamental é a transferencia de coñecemento matemático ás empresas. A Comisión da que agora pasa a formar parte do profesor Bermúdez de Castro encárgase da elaboración de informes de planificación e seguimento e de estudos sobre o Plan Nacional de I+D+i ou do establecemento de procedementos que aseguren a calidade científico-técnica, a transparencia e a obxectividade nas actividades desenvolvidas arredor da planificación da I+D. En conxunto é un labor de asesoramento sobre as distintas tarefas que se desenvolven na Dirección Xeral de Investigación e Xestión do Plan Nacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2014.