Ir o contido principal

Alfredo Bermúdez de Castro e María Alonso Pena, recoñecidos pola Real Sociedade Matemática Española

Bermúdez de Castro e María Alonso, segundo e oitava pola esquerda, xunto ao resto de persoas premiadas
Bermúdez de Castro e María Alonso, segundo e oitava pola esquerda, xunto ao resto de persoas premiadas
O profesor emérito da USC recolleu a medalla da RSME e a profesora foi galardoada co Premio Vicent Caselles
Santiago de Compostela

O profesor Alfredo Bermúdez de Castro recolleu este xoves 10 a medalla da Real Sociedade Matemática Española (RSME), coa que cada ano se recoñece a persoas que destacaron polas súas relevantes e continuas achegas nos diferentes ámbitos das matemáticas, como a educación, a investigación, a transferencia e a divulgación, entre outros, ao longo dun amplo período de tempo. No mesmo acto, entregáronse os Premios Vicent Caselles, outorgados pola RSME e a Fundación BBVA, cos que se distingue a excelencia do persoal investigador menor de 30 anos. Na edición deste ano, resultou premiada a investigadora da USC María Alonso Pena. A sesión desenvolveuse na sede madrileña da Fundación BBVA.

Alfredo Bermúdez de Castro López-Varela, actualmente profesor emérito da Universidade de Santiago e investigador vinculado do Citmaga, foi catedrático de Matemática Aplicada na USC, onde desenvolveu, segundo lembra a RSME, “unha brillante traxectoria no ámbito da investigación, en especial no desenvolvemento de métodos numéricos e modelos matemáticos, na docencia e na xestión universitaria e científica”. Licenciado en Matemáticas en 1972 pola USC, obtivo o seu doutoramento 1974 nesta mesma universidade, onde desenvolveu a súa carreira profesional. Catedrático dende 1984, tamén ocupou postos de responsabilidade no ámbito da xestión da USC, sendo vicerreitor de Coordinación e Planificación (1984-1990) e director do departamento de Matemática Aplicada (1993-2004), do que foi fundador.

Pola súa parte, María Alonso Pena traballa para desenvolver métodos estatísticos capaces de analizar fenómenos meteorolóxicos ou comportamentos de animais nos que os datos representan direccións ou ángulos. “Un reto importante é que agora, coa intelixencia artificial ao noso alcance, queremos resultados e predicións inmediatas”, advertiu, “pero estamos a deixarnos de centrar en canto de boas son esas predicións”. No transcurso do acto, a investigadora salientou que “as matemáticas están presentes en innumerables aspectos da nosa vida diaria e teñen un papel clave nun mundo impulsado cada vez máis por datos e algoritmos. É necesario que nos aferremos a elas para asegurar que o coñecemento avance e que as solucións aos grandes desafíos globais sexan sostibles e eficientes”. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.10.2024.