Ir o contido principal

Alimentación e vida cotiá protagonizan o número 21 de Semata, que se presenta este xoves

‘Alimentación, sociabilidade e vida cotiá na historia’ é o título do vixésimo primeiro volume da revista Semata que nesta ocasión coordinan os profesores Xavier Castro Pérez, Camilo Fernández Cortizo e José Mª Folgar de la Calle. O novo número presentarase este xoves, 5 de novembro, ás 13:00 horas na aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia.
Dende os anos 30 do pasado século, de que datan os primeiros estudos históricos que teñen como obxectivo as estruturas do cotián, a vida cotiá foi adquirindo peso historiográfico dentro da renovada historia social e socio-cultural, tamén en España, aínda que dende tempos máis recentes por razón do seu atraso con respecto aos países europeos punteiros.
Neste contexto, unha temática privilexiada en razón do número de estudos que recibe é a da historia da alimentación e da sociabilidade da mesa, á que se consagra este novo volume de Semata baixo unha perspectiva histórica multisecular –dende a antigüidade romana ata o século XX- e con diferentes calas tamén no espazo, europea nun caso, brasileira e portuguesa respectivamente noutro e, finalmente, galega nos tres restantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2009.