Ir o contido principal

‘Aller, hoxe’ lembrará a figura do fundador do Observatorio Astronómico da USC

‘Aller, hoxe’ é o programa organizado polo Observatorio Astronómico da USC para sumarse á iniciativa da Real Academia Galega de Ciencias que dedicará o Día do Científico Galego, o 26 de abril, a Ramón María Aller. Deste xeito, ata finais de mes vanse organizar unha serie de actividades, a primeira o vindeiro martes 12, cunha xornada pública de observación da Lúa cos telescopios do Observatorio. Para participar nesta actividade, que comezará ás 21:00 horas, é preciso inscribirse enviando un correo electrónico aos enderezos de correo electrónico oasec [at] usc.es (oasec[at]usc[dot]es) ou pedropablo.campo [at] usc.es (pedropablo[dot]campo[at]usc[dot]es). O número de prazas dispoñibles ascende a 50. Co gallo da mesma celebración, a Fundación Barrié de la Maza tamén promoveu visitas escolares os días 27 e 28 de abril, tanto ao Observatorio Astronómico da USC como ao recentemente inaugurado Observatorio Museo Ramón María Aller de Lalín. Con esta iniciativa o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, quen toma o seu nome do recoñecido científico, pretende axudar a divulgar entre a sociedade a figura do insigne astrónomo e fundador do observatorio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2011.