Ir o contido principal

Os ‘Almorzos xustos’ achegan á comunidade universitaria unha reflexión sobre o comercio xusto

A campaña de Almorzos Xusto visitará entre os días 13 e 16 o Campus Lugo e outros puntos do campus compostelá
A campaña de Almorzos Xusto visitará entre os días 13 e 16 o Campus Lugo e outros puntos do campus compostelá

Nunha carpa instalada este xoves e o venres entre a Bibilioteca Concepción Arenal e a Facultade de Dereito botaron a andar en Compostela os Almorzos Xustos. Cun café como pretexto, o obxectivo desta iniciativa é axudar a reflexionar á comunidade universitaria sobre o que significa un produto xusto e fomentar o consumo responsable. Estes Almorzos Xusto repetiranse o 13 de decembro na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, o 15 de decembro na Praza de Mazarelos e en Campus Vida e o 16 de decembro diante da Facultade de Económica de Santiago.

Esta é unha das actividades que a USC a través da súa Oficina de Desenvolvemento Sostible e do Servizo de Participación e Integración Universitaria está a desenvolver para a posta en marcha dun programa formativo específico encadrado no proxecto ‘USC sostible. Comercio xusto, ciclos curtos de distribución e consumo responsable’, liderado en agrupación coa Asociación para o Comercio Xusto e Solidario PANXEA e en colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia grazas ao financiamento de Cooperación Galega, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e a UE.

O proxecto enmárcase na Axenda 2030 de Nacións Unidas e apunta directamente ao seu Obxectivo de Desenvolvemento Sostible que busca garantir modalidades de consumo e produción sostibles. Concretamente o obxectivo específico é introducir o Comercio Xusto (CX) na USC e a súa contorna como alternativa de consumo responsable e sostible.

En datas próximas tamén están previstas unha serie de obradoiros temáticos nesta mesma dirección. Así, o día 13 celebrarase en Santiago e Lugo un titulado ‘Modelo de produción ao servizo das persoas: a soberanía alimentaria’, o 15 de decembro una mesa redonda titulada ‘Mulleres en prol da Gaia’ e ao longo do segundo semestre outras sobre modelos de comercialización internacionais e locais, con especial atención aos casos do café e do leite, e sobre pegada ecolóxica. A duración total deste programa formativo é de 36 horas, obtendo un crédito ECTS aquelas persoas que asistan a 24 horas.

Para a acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a sepiu.santiago [at] usc.es (sepiu[dot]santiago[at]usc[dot]es) ou contactar no teléfono 881.812.872.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2016.