Ir o contido principal

Unha alumna de Dereito e Relacións Laborais, premiada nun certame que distingue a mocidade xurista

De esquerda a dereita, Ana Gude, Claudia Rosales e Natalia Pérez
De esquerda a dereita, Ana Gude, Claudia Rosales e Natalia Pérez
Claudia Rosales Rivas recolleu o terceiro premio logo de realizar unha proba avaliada por un xurado de persoas expertas
Santiago de Compostela

A vixésimo segunda edición dos premios que distinguen a mocidade xurista e que outorga o Centro de Estudos Garrigues recoñeceu na súa edición de 2022 a Claudia Rosales Rivas, alumna do dobre grao en Dereito e Relacións Laborais, co terceiro premio. O galardón, dirixido a estudantes do último curso do grao, outórgase á persoa que obteña unha mellor cualificación nunha proba avaliada por un xurado de persoas expertas.

A proba consistiu na elaboración e defensa oral dun ditame sobre un caso de Dereito de Empresa, nos seus aspectos teóricos e prácticos. O xurado estivo integrado por José María Alonso, Alberto de Martín Muñoz, Eduardo María Valpuesta Gastaminza, Pablo Olábarri Gortázar e José Ramón Martínez Jiménez. 

O galardón supón o recoñecemento do talento xuvenil e premia a excelencia xurídica no Dereito da empresa. A decana da Facultade de Dereito, Ana María Gude Fernández, e a vicedecana de Asuntos Económicos e Infraestruturas, Natalia Pérez Rivas, acompañaron a Claudia Rosales no acto de entrega.   

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2022.