Unha alumna da USC, número 1 do MIR na convocatoria 2022
Sofía Mercedes Haselgruber de Francisco obtivo o posto número 1 no exame MIR (Médico Interno Residente) 2022, segundo a listaxe provisional de resultados que acaba de dar a coñecer o Ministerio de Sanidade. A aspirante obtivo 182 respostas válidas no exame MIR e 18 erros cunha puntuación de 93,6354. A este resultado engádeselle un baremo académico de 9,34 e tradúcese nunha puntuación de 9,6557, o que lle outorga unha puntuación final de 103,2911 puntos.
Nas probas do ano pasado, dous alumnos da USC conseguiron tamén ocupar chanzos nos postos máis elevados da clasificación. Así, Joaquín Vila García logrou situarse no posto número 2 do MIR, mentres que Miguel Rodríguez Iglesias obtivo a posición número 9. Ademais, o egresado da Facultade de Medicina José Manuel Busto Leis acadou o número 1 do exame MIR no ano 2019.
O exame MIR é unha proba de avaliación para acceder á formación de especialistas médicos en España. Consiste na avaliación, principalmente, de coñecementos mediante un cuestionario obxectivo de múltiples respostas que ten como fin obter unha puntuación prioritaria para elixir especialidade e hospital.