O alumnado, no centro da toma de decisións

A humanización do campus, o impulso da participación do estudantado na toma de decisións e o fortalecemento do Servizo Universitario de Residencias como elemento de igualdade de oportunidades no acceso ao ensino universitario foron os tres temas dun encontro este venres entre o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce; o xerente da USC, Javier Ferreira; e unha representación de asociacións de estudantes da Universidade compostelá. Conscientes de que “o alumnado é unha peza central no desenvolvemento da misión da Universidade”, o actual equipo de goberno da USC está a definir unha serie de accións que permitan fortalecer a participación deste colectivo na vida activa dos campus, propiciando unha maior calidade da etapa universitaria e favorecendo unha maior implicación na toma de decisións.
Neste senso, o vicerreitor e o xerente trasladáronlle aos representantes estudantís os proxectos nos que a USC traballa dende hai máis dun ano para poñer en valor os espazos nos que se asenta a institución compostelá. Trátase de “facer unha aposta decidida por integrar a cidade e o campus como elementos naturais dun mesmo ecosistema”, ao tempo que dar pasos cara un cambio de mentalidade dirixido a “humanizar esta parte da cidade e achegar medidas que desenvolvan a conciencia e o rol medio ambiental da institución universitaria en sentido global”. Nese senso deron conta das propostas dos itinerarios que conformarán as sendas seguras para o acceso aos centros en horarios de menor afluencia así como doutras actuacións chamadas a “mellorar a calidade da vida nestes espazos da cidade”. Implantar a sinalización destes itinerarios, optimizar a iluminación ou mudar hábitos de mobilidade nesta zona da cidade son algunhas das propostas presentadas e para as que invocaron a necesaria colaboración da concello compostelán, xunto con outras que buscan conectar campus norte e sur en base a alternativas sostibles.
Servizo de Residencias
O vicerreitor Victor Arce avanzou na xuntanza a vontade de reforzar o Servizo Universitario de Residencias (SUR) como garante da igualdade de oportunidades. Na procura de achegar propostas fronte a situacións de especulación inmobiliaria, o vicerreitor adiantou que a USC busca deseñar unha tarifa cero para o acceso ao Servizo de persoas con especiais necesidades económicas así como revisar o sistema de progresividade para asegurar que as persoas coas rendas máis baixas accedan ás cotas de subvención máis altas.
Tamén adiantou que se está a estudar a posibilidade de ofertar as prazas do SUR durante o verán, en período de baixo ou nula ocupación, ao resto da comunidade universitaria do estado. Esta medida permitiría captar recursos para o sostemento dunha infraestrutura singular en Galicia e que carece de financiamento público para o seu mantemento.
Estatuto do estudantado
O estatuto do Estudantado, actualmente en fase de borrador para o seu debate cos distintos grupos de interese, foi outra das cuestións abordadas. Como se explicou, o texto está chamado a reforzar a implicación do alumnado na toma de decisións da USC e, por tanto, “na vida da institución”. O texto recollerá entre as súas principais novidade a constitución do Consello de Estudantes, unha “ferramenta esencial para a representatividade deste colectivo, tanto no seo da USC como para ámbitos estatais de xestión deste colectivo universitario”.
Víctor Arce e Javier Ferreira, nun momento do encontro con representantes de estudantes. Foto: Santi Alvite