Alumnado de Ciencias da Comunicación publica 'Proxecto Ikigai', unha guía de xornalismo sobre saúde mental
O alumnado da materia ‘Redacción Informativa’ do primeiro curso do grao en Xornalismo da USC acaba de sacar á luz Proxecto Ikigai. Xornalismo colaborativo e transmediático pola saúde mental, unha publicación coa que se quere contribuír á mellora da información sobre esta cuestión que está a ser protagonista na axenda social. A guía foi realizada coa coordinación dos profesores José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o grupo de investigación ESCULCA da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Proxecto Ikigai continúa o labor iniciado coa Guía de linguaxe inclusiva, a guía do Proxecto Xermolo e a guía do Proxecto Decode, redactadas polos alumnados de anos anteriores.
O documento consta de seis apartados diferenciados, comezando por un panorama da actual situación na sociedade respecto da saúde mental e o concepto xaponés Ikigai, que se refire ao benestar ligado a un propósito vital. No segundo dos epígrafes, ‘Xornalismo e saúde mental’, analízase a responsabilidade que ten a profesión no tratamento de informacións relativas á saúde mental. En ‘Referencias e entidades ás que recorrer’ ofrécese unha listaxe de fontes expertas, entidades e organismos institucionais aos que acudir á hora de facer coberturas sobre cuestións nesta materia; mentres que ‘Lexislación sobre saúde mental’ fai un repaso de toda a lexislación existente na actualidade tanto a nivel local, como autonómico, estatal, europeo e internacional.
‘Guía de boas prácticas’ é o apartado máis extenso. “Nel podemos atopar un decálogo con recomendacións para abordar o tratamento de informacións sobre saúde mental e unha aproximación á cuestión do suicidio, tema de especial preocupación, nos medios de comunicación”, explica o profesorado responsable da publicación. O epígrafe conclúe profundando nos principais problemas de saúde mental no seo da propia profesión xornalística. Un glosario con terminoloxía habitual serve para concluír a guía.
Tanto o Proxecto Ikigai como os seus predecesores toman como referencia o traballo e o blog do xornalista Nacho Mirás, tamén profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación e prematuramente falecido. Estas iniciativas forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, entre os que se inclúe a Bolsa Nacho Mirás para novas tituladas e titulados organizada polo CPXG ou a denominación da aula que leva o seu nome na Facultade de Ciencias da Comunicación.
O Proxecto Ikigai é unha iniciativa multiplataforma que se pode consultar en diversos formatos. Ademais da publicación da guía en pdf, poden consultarse os seus contidos na web proxectoikigai.wordpress.com, así como unha conta en Instagram.