Alumnado de Ciencias da Educación crea recursos de autorregulación emocional para a cativada de entre 3 e 12 anos
‘RAEIRA: Recursos para a Autorregulación Emocional na Infancia para desenvolver pola Rede de Apoio das crianzas’ é un proxecto de aprendizaxe-servizo creado no marco da materia optativa Educación Emocional dos Graos en Mestre/a en Educación Primaria e Mestre/a en Educación Infantil da USC. Un total de 145 alumnos/as, distribuídos en 39 grupos, desenvolveron a través de RAEIRA unha serie de actividades e materiais para traballar a conciencia e a regulación emocional coa cativada de entre 3 e 12 anos.
O proxecto, coordinado pola profesora do departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC, Zeltia Martínez López, xunto con Mª Emma Mayo Pais e Eva Villar García, permitiu situar o alumnado da materia “en posición de ofrecer un servizo específico e de calidade á comunidade educativa, a cal precisa do apoio do entorno social para poder prestar unha atención axeitada ás necesidades emocionais dos seus nenos e nenas”, explican as profesoras.
Todo o material educativo xerado —xogos de mesa ou historias que permitan que os nenos e nenas reflexionen sobre como se senten as persoas ante determinadas situacións, entre outros—, doouse á cooperativa ARABÍAS que se encargará de distribuílos entre aqueles contextos comunitarios, familias, asociacións e centros educativos. Martínez, Mayo e Villar destacan que o proxecto RAEIRA “foi ben acollido polo alumnado, que seguiu unha metodoloxía activa, participativa e significativa”. O obxectivo final consistiu en lograr o desenvolvemento e mellora das competencias profesionais dos futuros docentes. Ademais, “o deseño e creación de materiais promoveu que o alumnado se implicase en facer propostas realistas, útiles e accesibles”, engaden.
Manexo positivo das emocións
O proxecto permitiu entender a importancia que teñen as emocións no desenvolvemento psicolóxico e educativo dos nenos/as; desenvolver habilidades para entender, regular e xestionar as emocións dos/as demais; así como deseñar e desenvolver pautas educativas que favorezan a expresión emocional e o manexo positivo das emocións.
Intentouse contar con materiais accesibles que sexan utilizados por todo o alumnado, con independencia das súas capacidades e/ou limitacións e que sexan sinxelos de usar e doadamente replicables. O horizonte final consistiu en fomentar unha educación inclusiva, para todos e todas, a través do xogo educativo.
A Aprendizaxe-Servizo (ApS) pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. RAEIRA foi aprobado na VI convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo da USC.