Alumnado de Ciencias da Educación participará en Cabreiros nunha xornada sobre a dinamización dunha comunidade rural a través da educación social e a pedagoxía
‘A educación social e a pedagoxía na dinamización dunha comunidade rural: o caso de Cabreiros e Xermade’ é o lema dunha xornada na que participan 120 alumnos/as da Facultade de Ciencias da Educación e que se vai celebrar este venres 21 na propia parroquia de Cabreiros organizada polos profesores desta Facultade Suso Rodríguez e Iván García.
A primeira das mesas de debate da xornada desenvolverase dedicada ao tema ’13 anos de proxectos compartidos en Xermade. O papel da educación social e a pedagoxía’. Moderada por Suso Rodríguez, intervirán Manuel Vilaboy, pedagoga e educadora familiar do concello de Xermade; Xosé Manuel Felpeto, presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros; e Elena Pena Basanta, integrante da organización da ‘Invernada’ de Cine e veciña da localidade. A eles sumaranse outras intervencións que profundarán sobre diferentes proxectos e actividades desenvolvidas neste ámbito.
Deseguido, terá lugar a presentación da Guía das Asociacións de Veciños para dar conta da orixe desta iniciativa, a súa finalidade, organización ou implicacións para a comunidade. Para completar a xornada matinal abrirase un coloquio arredor do proxecto radiofónico desenvolvido en Cabreiros como iniciativa de dinamización comunitaria. Xa pola tarde, está prevista unha visita ao parque eólico- experimental Sotavento para coñecer diferentes proxectos educativos que se desenvolven nestas instalacións.