Alumnado e docentes da USC e do IES Lucus Agusti participan en Aveiro nun foro sobre incendios co ‘FacingFIRE’
O proxecto ‘FacingFIRE’, unha iniciativa europea con enfoque global liderada pola USC baixo a coordinación do catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Agustín Merino e na que toman parte universidades e outras entidades de Grecia, Italia e Portugal, botou a andar na universidade lusa de Aveiro coa celebración do seminario práctico ‘Deseño de proxectos aprendizaxe-servizo relacionados cos incendios forestais’, un programa de aprendizaxe e servizo no que tamén participaron estudantes e docentes do IES Lucus Agusti, así como técnicos da Xunta de Galicia.
Esta acción de capacitación e sensibilización contra os lumes forestais permitiu a estudantes e titulados europeos desenvolver xunto con docentes e profesionais de perfil técnico, desenvolver de xeito conxunto proxectos sociais de participación cidadá ideados para tratar de mitigar a incidencia e o impacto dos incendios forestais nas rexións do Sur de Europa.
A primeira das actividades presenciais programadas ao abeiro do proxecto FacingFire, un programa Erasmus+KA2 dotado cun financiamento de 200.000 euros para achegar novas solucións á complexa problemática que deparan os incendios forestais no vello continente, contou coa participación dunha nutrida delegación da USC, que estivo representada en Aveiro por estudantes, titulados e docentes da EPS de Enxeñaría, Ciencias da Educación; Economía, Bioloxía e Xornalismo.
A delegación universitaria da USC traballou durante una semana con representantes das demais universidades europeas implicadas no proxecto FacingFIRE no deseño de proxectos e estratexias de actuación que desenvolverán en comunidades e centros educativos asentados en rexións xeográficas afectadas por incendios forestais. De feito, un dos cometidos de FacinFIRE é o de transmitir e trasladar a capacitación adquirida no ámbito da loita e prevención de lumes a diversas comunidades sociais e mesmo aos centros educativos, a fin de ampliar así a ensinanza xa transmitida nas aulas, ademais de avanzar na difusión dos avances científicos e tamén en todo o que atinxe a sensibilización social sobre a problemática derivada dos incendios, sinala María Perdigón.
A alumna da USC e responsable das redes sociais do proxecto FacingFIRE avanzou que unha das accións deseñadas para Galicia no marco do seminario celebrado en Aveiro consiste na progresiva implantación dun modelo de silvicultura con plantacións mixtas e menos susceptible de lumes. Outra das actuacións perfiladas consistirá no seguimento da recuperación dunha das áreas asolada polas lapas este verán. O alumnado da USC e do IES Lucus Agusti será o encargado de implantar xunto con técnicos da Xunta de Galicia, docentes da USC, propietarios e ONGs, as actuacións definidas no marco do proxecto FacingFIRE e entre as que s inclúen actividades de concienciación social dirixidas a nenos e familias, así como ao público en xeral.