Alumnado da EPS de Enxeñaría festexa o Día da Terra cunha xornada repleta de actividades lúdicas e gastronómicas
O alumnado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC adianta a este xoves de abril a celebración do Día da Terra, unha efeméride que se conmemora cada 22 de abril, coa organización dunha xornada de actividades lúdicas que inclúe obradoiros de experiencias inmersivas nas enxeñarías, sesións de iniciación á cata de viños, un torneo de futbolín, degustacións de produtos típicos e foliada.
O programa de actividades promovidas polo alumnado co gallo do Día da Terra ofrece ao público interesado un amplo abano de actividades gratuítas que comezará a partir das 16.00 horas cun campionato de futbolín que se disputará na cafetería do propio centro universitario. As persoas interesadas en tomar parte neste torneo poden inscribirse de balde na cafetería da EPS de Enxeñaría.
De xeito parello a esta actividade lúdica, persoal da produtora audiovisual luguesa Microsoños guiará tamén a partir das 16.00 horas nas instalacións da EPSE a celebración de diversos obradoiros de experiencias inmersivas nas enxeñarías. As persoas interesadas en ser protagonistas activas destas experiencias cinematográficas poden tamén formalizar xa a súa inscrición de balde en liña. As prazas son limitadas.
Unha sesión de iniciación á cata de viños, que estará guiada pola enóloga Isabel Lozano, da empresa Vinissi, e Óscar Rodríguez, adegueiro de Finca Scintilla, dará continuidade a partir das 19.00 horas, ao programa lúdico promovido polo alumnado da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC. O número de prazas para participar na cata é limitado e cómpre apuntarse a través do enderezo de correo electrónico eps.direccion [at] usc.es (eps[dot]direccion[at]usc[dot]es).
A xornada lúdica organizada polo alumnado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC co gallo da celebración do Día da Terra chegará ao seu colofón cunha foliada que se desenvolverá a partir das 21.00 horas na explanada exterior contigua ás instalacións da cafetería da EPS de Enxeñaría de Lugo.