Alumnado de Filosofía implícase na estética de Compostela
Peonalizar máis o casco histórico, minimizar o impacto sonoro das obras na rúa, obrigar ao coidado dos edificios, protexer os espazos naturais e concienciar sobre a necesidade de coidar o patrimonio son algunhas das suxestións apuntadas no proxecto ‘A beleza no cotiá: Cartografía estética de Compostela’ que esta mañá presentou na USC un grupo de estudantes do grao en Filosofía.
O proxecto, que forma parte dun traballo de innovación educativa da materia ‘Introdución á estética’, fíxose coa metodoloxía educativa Aprendizaxe Servizo (APS), que pretende fomentar a aprendizaxe dunha disciplina mediante a realización dalgún tipo de servizo á comunidade. Neste caso concreto, e coa colaboración da Asociación Itinera. Voluntarios en saúde mental, consistiu en introducir ao alumnado nas problemáticas fundamentais da estética mediante a realización dunha cartografía do casco histórico e da zona nova de Compostela, detectando puntos críticos e puntos positivos desde un concepto amplo da estética que non se limita á beleza, senón que abarca outros valores como o agradábel e mesmo o saudábel.
Os resultados do proxecto presentáronos os estudantes Amanda Briones, Miguel Cendón, David Fernández, Carlota Lois Oliveira e Lucía Taboada, en representación dos grupos de traballo, que deron conta dos problemas detectados e solucións propostas, analizaron a normativa existente e explicaron a cartografía elaborada. No acto participaron o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; a profesora de Ciencias da Educación e coordinadora de Aps na USC, Mar Lorenzo; o decano da Facultade de Filosofía, José Miguel Sagüillo; o docente encargado do proxecto, Francisco Conde; o coordinador de ITINERA, Carlos Martínez; e op coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Javier Agrafojo
Solucións aos problemas
Como explicaron na presentación, das entrevistas realizadas a pé de rúa as persoas enquisadas sinalaron como aspectos negativos da cidade o mal estado do mobiliario urbano, especialmente na zona vella, olores desagradables, gran cantidade de obras sen rematar, pintadas e demasiado tráfico nas zonas de peóns. Pola súa banda, como aspectos positivos destacaron a facilidade para pasear palas rúas, os numerosos parques e zonas verdes existentes ou a beleza da zona vella. En xeral, consideran que Santiago é unha cidade acolledora para vivir nela.
Aos problemas percibidos ao longo da investigación, o alumnado suxire a rehabilitación dos edificios en ruínas coa implicación do Concello, ben para destinalas a vivendas sociais ou ben outorgando axudas económicas aos donos. Como solución ás pintadas apuntan unha posible habilitación de zonas exclusivas para os artistas urbanos, e en concreto para as teas que cobren as obras da Catedral pensaron nun concurso de ideas do que saian os modelos que deberan substituír as actuais.
Reconverter o Cine Yago nun centro de carácter social ou cultural e limitar a presenza de tendas de recordos son outras das ideas formuladas polo alumando neste proxecto, que tamén chama a protexer os Parques da Alameda, Praza de Galicia e Praza de Vigo.
O concelleiro Xan Duro ou a profesora Mar Lorenzo foron algúns dos asistentes á presentación (Foto SERVIMAV-USC) O proxecto realizouno o alumnado da materia ‘Introdución á estética’ (Foto SERVIMAV-USC)