Ir o contido principal

Alumnado do Grao en Mestre de Educación Primaria imparte en Villestro obradoiros de música para nenos e nenas

Alumnado do Grao en Mestre de Educación Primaria imparte en Villestro obradoiros de música para nenos e nenas
Alumnado do Grao en Mestre de Educación Primaria imparte en Villestro obradoiros de música para nenos e nenas

Alumnado da materia Música na Educación Primaria comezou o pasado 6 de abril a impartir no Local Sociocultural de Villestro uns obradoiros de música para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. Esta actividade, a celebrar todos os mércores ata o 18 de maio, enmárcase no proxecto ‘Unión de Canles Sociais: proxecto de arte comunitario’ financiado polo Consello Social da USC e cuxa finalidade é visibilizar de forma coordinada as diferentes accións que se realizan no Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da USC, levando a aprendizaxe da arte fóra da aula a fin de situala nun contexto social e cultural.

Nestes obradoiros gratuítos, dunha hora de duración semanal, os participantes teñen a oportunidade de achegarse á música a través da recreación de diferentes danzas, a interpretación de cancións con instrumentos orff, exercicios e xogos de expresión musical e corporal, e de ter un primeiro contacto con instrumentos como o violín, o acordeón, a frauta, a guitarra ou o clarinete, tocando as primeiras notas e acordes de coñecidas cancións. Ao mesmo tempo, os estudantes da facultade de Ciencias da Educación poñen en práctica e desenvolven competencias e habilidades necesarias en todo docente á vez que coñecen outros ámbitos nos que poderían desenvolverse profesionalmente.

O programa organízase contando coa colaboración do Concello de Santiago, e en especial coa responsable dos locais socioculturais do rural desta cidade que incorporou os obradoiros á programación habitual do LSC Villestro, onde ata o momento non se ofertaba ningunha outra actividade relacionada coa música.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2016.