Ir o contido principal

Alumnado dos graos en Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática impulsa un foro para reflexionar sobre a IA

A segunda sesión das Xornadas comezará o xoves 20 de abril ás 12.30 horas
A segunda sesión das Xornadas comezará o xoves 20 de abril ás 12.30 horas
O encontro que bota a andar este mércores 19 inclúe un certame de disertacións filosóficas aberto a todo o estudantado da Universidade
Santiago de Compostela

“Queremos que todo o alumnado poida coñecer as aplicacións da Intelixencia Artificial nas súas futuras profesións”. Así definen Judit González e Mateo Bodenlle, estudantes de primeiro curso nos graos de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática e impulsores das xornadas, a primeira edición do foro ‘IAprendizaxe’ no que entre o mércores 19 e o xoves 20 se abordan as posibilidades da IA en ámbitos diversos, como a Medicina ou o Dereito. A charla do investigador Alejandro Catalá titulada 'Deseño de Interfaces de Usuario Intelixentes: para que serve a interdisciplinariedade?’ abre o encontro que se desenvolve na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) a partir das 16.30 horas.

González e Bodenlle explican o propósito deste evento. “Queremos achegar o traballo e a investigación que se está a realizar no eido da IA”, contan. Os dous coinciden en que esta área constitúe “un mundo con moitas posibilidades” e agradecen o apoio das institucións máis próximas. “A ETSE estanos a axudar moito e os profesores tamén proporcionándoos os contactos das persoas conferenciantes", sinalan desde a organización dun encontro no que se tratan temáticas tan diversas como a aplicación da IA en especialidades médicas (cardioloxía), de que xeito é posible 'xerar negocio' con Intelixencia artificial, ou cales son os retos legais para dispoñer dunha IA fiable.

A iniciativa conta co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura. Ao longo da tarde deste mércores interveñen María Bobillo, directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación en Amtega; Juan Jesús Romero Cardalda, fundador e  PhotoIlike.com e profesor asociado en Ciencias da Computación no CITIC da Universidade da Coruña; e Marta Núñez, investigadora posdoutoral do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) especializada en procesamento da imaxe médica.

A segunda sesión das Xornadas comezará o xoves 20 de abril ás 12.30 horas coa participación de José Mª Alonso, profesor en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC; ao que seguirán Aldán Creo, investigador de NLP no CiTIUS e desenvolvedor de software; Óscar Cordón, catedrático e integrante do departamento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Granada; Senén Barro, director do CiTIUS; e Noemí Rodríguez, directora executiva e cofundadora de Himikode | FoodTech. O encontro inclúe, ademais, un certame de disertacións filosóficas sobre IA aberto a todo o estudantado da Universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.04.2023.