Alumnado do Ies Poeta Díaz Castro visitará o luns as actuacións desenvolvidas en As Gándaras co proxecto Life Lugo+Biodinámico

Uns 50 estudantes do Ies Poeta Díaz Castro de Guitiriz visitarán este luns 29 de abril algunhas das actuacións medioambientais desenvolvidas no barrio lugués de As Gándaras ao abeiro do proxecto Life Lugo+Biodinámico.
Esta xornada de divulgación científica encádrase no marco das actividades organizadas co gallo da celebración da Semana Verde da UE, dedicada este ano á influencia das leis medioambientais nas nosas vidas, un abano de disposicións normativas que, entre outros aspectos, protexen a natureza, melloran a calidade da auga e do aire, fomentan a reciclaxe e, en definitiva, protexen e melloran a vida dos cidadáns.
O alumnado guitiricense que tome parte nesta xornada divulgativa, que comezará sobre as 10.15 horas, poderá coñecer sobre o terreo as diferentes accións desenvolvidas polo proxecto Life Lugo+Biodinámico a través dunha ruta pola parcela de silvicultura de frondosas, cultivos enerxéticos, o souto, o Arboretum e o humidal As Gándaras-O Ceao.