Ir o contido principal

Alumnado e profesorado dos programas universitarios para maiores de toda España reúnense a vindeira semana na USC

O encontro comezará este luns 12 ás 16.00 horas

Pór en valor a formación ao longo de toda a vida. Este é un dos cometidos do XV Encontro Nacional e VI Galego de Programas Universitarios para Maiores, que a próxima semana reunirá na Facultade de Ciencias da Educación da USC alumnado e profesorado deses programas, no caso da USC chamado IV Ciclo e que conta con 360 estudantes nos dous campus. A sesión inaugural celebrarase o luns 12 a partir das 16.30 horas.

Como desvela a directora do IV Ciclo da USC e presidenta do comité organizador do dobre encontro, Esther Olveira, “en Galicia estamos traballando para facer unha rede galega de programas universitarios de maiores” para a que agarda que esta xuntanza supoña un impulso. Ademais, tratarase a participación social directa da parte máis numerosa da cidadanía, como é a poboación adulta.

Olveira destaca tamén como punto importante os cambios de perfís que se deron nas universidades, “o que entronca coa educación permanente, que é hoxe unha razón de ser máis das universidades” e que enlaza co lema do encontro, Los programas universitarios para mayores como elemento estratégico en la formación para toda la vida . “Pénsese que a parte da poboación que ten entre 50 (idade dende a que xa se pode cursar o IV ciclo na USC) e 65 anos teñen aínda 15 de vida activa laboral. Así, esta formación pode ter un recoñecemento profesional".

O encontro, que organizan conxuntamente as tres universidades galegas, reunirá así entre os días 12 e 14 de xuño alumnado e profesorado de toda España, así como responsables dos programas universitarios, para compartir experiencias, potenciar a aprendizaxe activa ao longo de toda a vida e visualizar a participación e responsabilidade social dos estudantes destes ciclos.

O escritor e xornalista Manuel Rivas será quen inaugure cunha conferencia a xuntanza, que acollerá numerosas mesas redondas e relatorios de expertos como José Arnay Puerta, primeiro presidente da Asociación Estatal de Programas Universitarios para Maiores (AEPUM), ou Luis Espada Recarey, ex reitor da Universidade de Vigo. Entregarase tamén o premio de investigación AEPUM 2016 ao traballo ‘A implicación en actividades educativas formais na vellez e a súa relación con indicadores psicolóxicos e sociais: unha análise con estudantes da aula da experiencia da Universidade de Huelva’ de Susana Menéndez Álvarez-Dardet (Universidade de Huelva) e D. J. Pérez Padilla (Universidade de Xaén).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2017.