Ir o contido principal

Alumnado e profesorado dos programas universitarios para maiores de toda España reuniranse en xuño na USC

Acto de fin de curso de 2016 do IV Ciclo Universitario da USC
Acto de fin de curso de 2016 do IV Ciclo Universitario da USC

Pór en valor a formación ao longo de toda a vida. Este é un dos cometidos do XV Encontro Nacional e VI Galego de Programas Universitarios para Maiores, que a mediados do mes de xuño na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago alumnado e profesorado deses programas, no caso da USC chamado IV Ciclo e que conta con 360 estudantes nos dous campus.

Como desvela a directora do IV Ciclo da USC e presidenta do comité organizador do dobre encontro, Esther Olveira, “en Galicia estamos traballando para facer unha rede galega de programas universitarios de maiores, e en xuño tentaremos potenciar a súa creación”. Ademais, tratarase a participación social directa da parte máis numerosa da cidadanía, como é a poboación adulta.

Olveira destaca tamén como punto importante os cambios de perfís que se deron nas universidades, “o que entronca coa educación permanente, que é hoxe unha razón de ser máis das universidades” e que enlaza co lema do encontro, Los programas universitarios para mayores como elemento estratégico en la formación para toda la vida . “Pénsese que a parte da poboación que ten entre 50 (idade dende a que xa se pode cursar o IV ciclo na USC) e 65 anos teñen aínda 15 de vida activa laboral. Así, esta formación pode ter un recoñecemento profesional".

O encontro, que organizan conxuntamente as tres universidades galegas, reunirá así entre os días 12 e 14 de xuño alumnado e profesorado de toda España, así como responsables dos programas universitarios, para compartir experiencias, potenciar a aprendizaxe activa ao longo de toda a vida e visualizar a participación e responsabilidade social dos estudantes destes ciclos.

O escritor e xornalista Manuel Rivas será quen inaugure cunha conferencia a xuntanza, que acollerá numerosas mesas redondas e relatorios de expertos como José Arnay Puerta, primeiro presidente da Asociación Estatal de Programas Universitarios para Maiores (AEPUM), ou Luis Espada Recarey, ex reitor da Universidade de Vigo. Entregarase tamén o premio de investigación AEPUM 2016 ao traballo ‘A implicación en actividades educativas formais na vellez e a súa relación con indicadores psicolóxicos e sociais: unha análise con estudantes da aula da experiencia da Universidade de Huelva’ de Susana Menéndez Álvarez-Dardet (Universidade de Huelva) e D. J. Pérez Padilla (Universidade de Xaén).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.04.2017.