Alumnado universitario achega as súas experiencias na USC a estudantes de Bacharelato nun encontro na Facultade de Ade
Estudantes universitarios do campus de Lugo da USC achegarán este mércores as súas respectivas experiencias e vivencias universitarias a alumnado de Bacharelato no marco dun encontro que se desenvolverá a partir das 17.30 horas, na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
Este encontro estudantil, promovido polo coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC no campus de Lugo, Javier López González, está especialmente orientado ao alumnado de segundo de Bacharelato, mozos e mozas que están a piques de comezar a súa andaina universitaria.
O obxecto da sesión, programada como un coloquio aberto sobre a universidade en xeral e sobre o campus de Lugo en particular, é o de contribuír a despexar as posibles dúbidas dos futuros estudantes universitarios, ademais de trasladar información respecto das posibilidades académica, pero tamén da ampla oferta de actividades e servicios que presenta a USC na súa sede luguesa. A participación nesta sesión é libre e de balde para todo o público interesado.