O alumnado universitario, convidado a coñecer esta semana a plataforma Sanidade Mediaverso
Do 27 ao 31 de maio, a Rede Galega de Promoción da Saúde da Consellería de Sanidade explicará entre o estudantado do Campus de Santiago a ferramenta ‘Sanidade Mediaverso’ para poñer en práctica hábitos de vida saudables. A presentación terá lugar dende o luns 27 ata o venres 31 na primeira planta da Biblioteca Concepción Arenal en horario de 10.00 a 13.00 horas.
Cada día facilítaráselle ao alumnado que se achegue gafas de realidade virtual para probar a aplicación EnMovemento, coa que se poden practicar exercicios pensados para sesións de adestramento de 5 a 25 minutos, e que poden realizar tanto persoas maiores como a xuventude.
A través dunha pantalla e de códigos QR, tamén se ofrecerá información sobre o resto de opcións que ofrece esta plataforma en catro ámbitos: a mencionada actividade física, a alimentación saudable, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.
Esta iniciativa para promover hábitos de vida saudables será presentada por responsables da Rede Galega de Saúde Pública e por integrantes da rede nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza, da Coruña e Cee e de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
Na web están dispoñibles a aplicación Camiña, que permite sumar quilómetros e calcular a equivalencia a etapas do Camiño de Santiago, un planificador semanal de comidas para deseñar menús equilibrados e a lista da compra necesaria, unha selección de vídeos da natureza que facilitan a relaxación, ou recursos para difundir entre as familias a importancia de reducir o uso das pantallas para recuperar o xogo ao aire libre.