Ir o contido principal

Alumnado da USC profunda no patrimonio toponímico e cultural da parroquia de Leiro, en Rianxo

Os resultados da súa investigación serán presentados este venres 10, ás 19.00 horas, no Centro Cultural Vicente Vidal
Lugo, Santiago de Compostela

Alumnado do grao de Enxeñaría Forestal e do mestrado de Estudos da Literatura e da Cultura presenta este venres 10 as conclusións da investigación sobre a recolleita de testemuños na parroquia de Leiro, en Rianxo, coa vontade de profundar no patrimonio toponímico e cultural da zona. O acto, aberto ao público, desenvolverase a partir das 19.00 horas, no Centro Cultural Vicente Vidal. O traballo é resultado da Aprendizaxe por Servizo levado a cabo baixo a coordinación dos profesores Emilio Carral, da EPS de Enxeñaría, e Elias Torres, da Facultade de Filoloxía.

Xa a comezos deste mes e seguindo a mesma metodoloxía docente, alumnado deste mestrado, así como do grao en Paisaxe, en colaboración coa asociación Nonéomesmo, presentaron no Auditorio de Galicia os resultados do traballo de investigación ‘Hábitos de consumo de alimentos locais e de proximidade en dous barrios de Santiago de Compostela’.

A Aprendizaxe-Servizo (ApS) pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2022.