Ir o contido principal

Alumnado de máis vinte países danse cita nos Cursos de lingua e cultura galegas

A nova promoción no exterior da Facultade de Filosofía ao finalizar o acto
A nova promoción no exterior da Facultade de Filosofía ao finalizar o acto
Comezaron este martes na Facultade de Filosofía e estenderanse ata o próximo 24 de xullo
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, inauguraron este martes 2 de xullo a XXXII edición dos Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’, en cuxa edición de 2019 participan preto de 70 estudantes procedentes de máis de vinte países de catro continentes. A sesión inaugural celebrada no Salón de Actos da Facultade de Filosofía contou ademais coa participación do director Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), Xosé Luís Regueira; da secretaria técnica dos Cursos, Liliana Martínez; e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Na benvida a esta nova edición, Antonio López subliñou a longa experiencia acumulada por esta convocatoria formativa, destacando que o feito de ter sido quen de manterse durante 32 anos “é unha proba do éxito e do traballo ben feito”. “Escollendo Galicia xa acertáchedes”, engadiu o reitor compostelán dirixíndose ao alumnado procedente de máis de 20 países que este martes comezarán o programa formativo que se vai estender ata o próximo día 24 combinando, como é costume, clases teóricas e prácticas sobre o idioma e a cultura de Galicia con palestras, excursións e obradoiros. Apelando á hospitalidade que atoparán no seu contacto con Galicia, o reitor agarda que “atopedes sempre unha razón para volver”.

Pola súa banda, o presidente da RAG expuxo que Galicia non remata no seu territorio, porque é “un país que está no mundo” a través da emigración e salientou que a lingua galega forma parte da irmandade luso-brasileira e “está instalada no mundo cunha personalidade propia que debedes saber aproveitar e valorar”. Víctor F. Freixanes salientou a aposta destes cursos polo coñecemento mútuo reflectida no seu nome. “As fronteiras limitan, cerran portas, levantan muros e nós defendemos todo o contrario: portas e fiestras abertas, un mundo sen prexuízos”, expresou.

O Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega co organizan estes cursos co apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O programa é co dirixido polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e o director do ILG e tamén académico, Xosé Luís Regueira. Os estudantes da nova edición proceden de Rusia, Finlandia, Hungría, India, Irán, Madagascar, Romanía, Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, República Checa, Inglaterra, Gales, Estados Unidos, Polonia, Italia, Portugal, Venezuela e distintas comunidades autónomas de España.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, impartirá a conferencia inaugural o xoves 4 de xullo na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, nunha xornada na que o alumnado tamén terá a oportunidade de visitar a Torre de Hércules. O calendario de palestras continuará a semana que vén co escritor, músico e produtor Antón Reixa, cunha intervención sobre a produción audiovisual como promoción de normalización lingüística; a música Paulina Ceremuzynska, que ofrecerá un achegamento ás cantigas medievais galegas; e un relatorio do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, titulado ‘Rosalía en Camiño’. A semana seguinte será a quenda da directora de Vinte, María Yáñez, que abordará as oportunidades e os desafíos para a lingua nos medios de comunicación; do contador e poeta Celso Sanmartín, así como do actor e director teatral Quico Cadaval e o arqueólogo José Suárez Otero, que impartirá unha conferencia sobre as orixes do Camiño de Santiago.

Os participantes nos XXXII Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” poderán participar ademais en obradoiros de música e baile tradicional e realizarán unha excursión a Fisterra.

De esquerda a dereita, Xosé L. Regueira, Víctor F. Freixanes, Antonio López, Valentín García e Liliana Martínez

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.01.2020.