O ex alumno da USC José Carlos de Miguel gaña o V Premio Humanitas polo seu labor á fronte da ONG 'Mi Perú'
O ex alumno da Universidade de Santiago José Carlos de Miguel Bouzas resultou o gañador do V Premio Humanitas dedicado ás accións solidarias e convocado polo Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC) polo seu labor á fronte da ONG ‘Mi Perú’. A Insignia de Prata da Asociación e o premio en metálico seranlle entregados nunha cerimonia pública en datas posteriores.
Dende o verán de 2001 José Carlos de Miguel dedica o seu tempo libre a mellorar a calidade de vida das persoas desfavorecidas dunha aldea da Costa Pacífica Peruana chamada Mi Perú (Ventanilla), situada a uns 30 km do norte de Lima, a través da ONG que leva o mesmo nome e da que é fundador e que se dirixe á formación académica e cultural dos nenos e nenas desta poboación. Na actualidade, esta organización estende a súa actividade no poboado Koneripatty da India.
O xurado, que emitiu o ditame tras un extenso debate, estivo formado polo presidente e voceiro do Consello Social da USC, Manuel Puga e Emilio Crespo, respectivamente; o presidente e a secretaria da AAAAUSC, Perfecto Yebra e Luisa Balsa; e a vicerreitora de Profesorado e Organización Académica, Mª Dolores Domínguez.
Os membros do xurado quixeron facer mención de todas as candidaturas recibidas, merecedores todas elas dun premio xa que cadanseu no seu eido de actividade “fan un labor moi importante en beneficio da sociedade”.