Ir o contido principal

Alumnos de Bacharelato toman contacto directo estes días co Courel dende a Estación Científica da USC

Instalacións da Estación Científica do Courel
Instalacións da Estación Científica do Courel

A Estación Científica do Courel conta estes días coa visita de alumnos de Bacharelato do Instituto Xelmírez I de Santiago vinculados á materia de Ciencias da Terra e Medio Ambiente.

Os estudantes, que xa están a realizar actividades na estación dende este xoves e deica o sábado 2 de abril, enfocan deste xeito o estudo da Biosfera, a dinámica dos ecosistemas e a súa conservación dentro da filosofía socioeconómica do desenvolvemento sostible, tal e como apuntan dende o centro educativo compostelán. A estanza no Courel está enfocada, neste senso, a poñer en contacto directo aos alumnos coa situación real do Courel e os conflitos existentes entre a conservación medio ambiental e os retos socioeconómicos.

O programa inclúe unha serie de rotas de sendeirismo durante as que se realizan observacións e explicacións sobre historia, xeografía, xeoloxía, botánica, zooloxía, ecoloxía, economía, lingüística ou patrimonio cultural da serra do Courel. Entre os lugares máis destacables, ademais da propia Estación Científica emprazada en Seoane, os rapaces coñecerán O Castro de Vilar, o pobo e Froxán, a Aula da Natureza de Moreda, A Devesa da Rogueira, A Lagoa da Lucenza, o lugar da Seara, a fervenza de Vieiros e a Mina da Toca.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.04.2011.