Ir o contido principal

Os alumnos de ensino medio toman contacto co Campus de Lugo

Os rapaces foron agasallados con carpetas da USC antes de iniciar o percorrido polos centros do Campus de Lugo
Os rapaces foron agasallados con carpetas da USC antes de iniciar o percorrido polos centros do Campus de Lugo
A iniciativa ‘Encontros coa USC’ do Programa ‘A Ponte’ da USC está a achegar estes días a Universidade aos futuros alumnos

Os alumnos de ensino medio están a coñecer estes días o Campus de Lugo grazas ao programa ‘A Ponte’ e á súa iniciativa ‘Encontros na USC’. As visitas estanse a levar a cabo dende este martes 22 deica o 24 de marzo coa finalidade de achegar ao alumnado de Bacharelato e ciclos formativos as oportunidades que ofrece a Universidade. Trátase de visitas dos rapaces aos centros da USC, nas que se lles ensina a facultade ou escola elixida por eles e se lles presentan as titulacións que demanden. Profesores e alumnos titores facilitan, entre outras informacións, datos sobre os estudos, as prácticas e as saídas profesionais que abren as diferentes titulacións do campus lugués. Cada alumno pode elixir o percorrido que prefire realizar de entre os que se ofertan no Campus de Lugo, e que xa foron iniciados este martes. As diferentes opcións contemplan visitas á Facultade de Ciencias e Aula de Produtos Lácteos; Facultade de Veterinaria e Hospital Rof Codina; Escola Politécnica Superior; Facultade de Administración e Dirección de Empresas; Facultade de Humanidades xunto coa Biblioteca Intercentros; Facultade de Formación do Profesorado e Biblioteca Intercentros ou Escola de Relacións Laborais; e Escola de Enfermaría e Escola de Relacións Laborais. Os alumnos dos centros de Ensino Medio partiron da Residencia Bal y Gay, onde foron agasallados cunha carpeta da USC. Dende alí o persoal encargado das visitas acompañounos aos centros elixidos, onde deron a coñecer as instalacións e ofreceron información ao tempo que despexaron as dúbidas do alumnado, coñecendo de preto a actividade de centros de traballo e investigación como a A Aula de Produtos Lácteos. A finalidade dos encontros é que os estudantes teñan información de primeira man e se formen unha idea máis concreta do que son os estudos da USC, neste caso os referidos ás titulacións do Campus de Lugo. Estes encontros forman parte da actividade desenvolta polo programa a ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, que ten por obxecto dar resposta a todas aquelas dúbidas que se presentan ante o ingreso na universidade como que estudar, onde ou que axudas existen. Ademais das visitas, organízanse charlas, encontros e ata un concurso de relatos sobre ‘Como te imaxinas a USC’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2011.