Ir o contido principal

Alumnos da Escola de Práctica Xurídica inician a vindeira semana unha visita a institucións xudiciais comunitarias, ao Consello de Europa e aos órganos xudiciais internacionais

Os licenciados que actualmente se atopan en período de formación na Escola de Práctica Xurídica (EPX) iniciarán a vindeira semana unha serie de visitas ás institucións xudiciais comunitarias, ao Consello de Europa e aos órganos xudiciais internacionais. Estas visitas complétanse coas xa realizadas ao longo da presente semana ao Tribunal Supremo, á Audiencia Nacional e aos tribunais Económico-Administrativo e Constitucional.
Esta actividade forma parte do Programa de Formación da EPX no que se trata de complementar as clases de aula coa realización de práctica externas e visitas de traballo a institucións, órganos xudiciais e despachos profesionais relacionados coas materias impartidas. A finalidade é brindarlle aos licenciados a posibilidade de coñecer directamente e integrarse na realidade na que deberán exercer a súa profesión. Neste visita participan un total de 27 licenciados en formación pertencentes ás promocións 2005-2007 e 2006-2008 que estarán acompañados polo director da EPX, Lotario Vilaboy.
O programa previsto para a vindeira semana comezará o luns 18 cunha visita á sede da Comisión Europea onde asistirán a un relatorio de información xeral sobre políticas da Unión Europea, o papel e funcionamento das institucións e sobre outros asuntos de actualidade. Deseguido, desprazaranse ao Palacio de Xustiza de Bruxelas onde presenciarán diversos xuízos baixo a titoría dun letrado español. Nesa mesma xornada dirixiranse ao Consello Xeral da Avogacía Española en Bruxelas para asistir a unha chala informativa sobre o exercicio da profesión en Europa así como sobre algunhas directivas europeas de interese.
Xa pola tarde, os alumnos da EPX terán unha sesión de traballo no Consello de Ministros da UE para logo dirixirse á Fundación Galicia-Europa na que recibirán unha charla informativa sobre saídas profesionais en Europa e prácticas en institucións comunitarias. Finalmente, trasladaranse ao despacho de Abogados Gómez-Acebedo&Gómez onde asistirán a un encontro con letrados do despacho exercentes en Bruxelas.
O martes 19 o grupo desprazarase a Luxemburgo onde asistirán a unha sesión de traballo no Tribunal de Xustiza da UE. Nela recibirán diversas explicacións xurídicas dos asuntos a presenciar, a cargo de letrados dos gabinetes de xuíces e avogados xerais do Tribuna, asistirán a diversas visitas e intervirán nunha charla-coloquio con letrados do gabinete.
Ao día seguinte, o mércores 20, realizarán diversas visitas a institucións comunitarias con sede en Estrasburgo. En primeiro lugar dirixiranse ao Consello de Europa, para visitar a Cámara de Debate Parlamentaria e participar nunha charla-coloquio sobre o papel desta institución na política europea. Posteriormente, visitarán o hemiciclo do Parlamento Europeo onde serán recibidos por varios eurodiputados. Pola tarde, a comitiva compostelá dirixirase ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos para coñecer as súas instalacións e asistir a un relatorio sobre a organización, competencias e funcionamento do Tribunal.
La Haya será o seguinte destino desta visita onde, o xoves 21, a comitiva visitará o Tribunal Penal Internacional para a Antiga Iugoslavia e asistirá a unha audiencia do Tribunal. Tras esta sesión de traballo, a visita continuará no Tribunal Internacional de Xustiza guiados pola letrada María Castro Granja. Para rematar esta xornada, os universitarios composteláns desprazaranse á Corte Penal Internacional. A viaxe rematará o venres 22 cunha visita á cidade de Amsterdam.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2007.