Os alumnos do Máster DAEN da USC visitan a Granxa Garabullos de Cospeito da man de Revolta Natural
Un total de 27 alumnos do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), un posgrao que se imparte na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo e que está dirixido polo profesor de Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, Eugenio Otero Urtaza, visitou a pasada fin de semana as instalacións da Granxa Garabullos, emprazada no municipio de Cospeito, da man da asociación Revolta Natural.
O obxectivo desta expedición universitaria foi favorecer que os propios alumnos coñezan de primeira man o funcionamento dunha granxa e o manexo dos animais, no transcurso dunha estadía ao aire libre na que tamén puideron gozar da natrueza A presidenta da asociación Revolta Natural, Patricia Fouce, sinalou neste senso que os participantes desta expedición universitaria aproveitaron a visita á Granxa Garabullos para familiarizarse e participar no coidado e no manexo dos animais da granxa. Un paseo polo chamado Bosque dos Sentidos, un espazo natural que rodea as instalacións da Granxa e unha posterior ruta de sendeirismo ata a Lagoa de Cospeito completaron as actividades programadas nesta visita, segundo explicou Patricia Fouce, quen precisou que os alumnos do Máster DAEN da USC tamén tiveron a ocasión de facer observación ornitolóxica desde os miradoiros da Lagoa de Cospeito. A expedición á Granxa Garabullos de Cospeito organizada ao abeiro da programación educativa do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza foi a primeira das visitas que fará este grupo de alumnado á Terra Chá, a onde voltará o vindeiro 26 de febreiro, para completar a Ruta do Azúmara, no municipio de Castro de Rei, e o 2 de marzo, para visitar as instalacións do parque eólico experimental de Sotavento, emprazado no municipio de Xermade. Á marxe destas incursións na comarca chairega, os alumnos do Máster DAEN da USC contemplan saídas inmediatas a outros destinos, tal e como son a visita programada para o mércores, día 20 de febreiro, ás instalacións da Granxa Barreiros, en Sarria, ou a visita ao Centro de Interpretación da Muralla , prevista para o venres, día 22.