Ir o contido principal

Os alumnos do Máster DAEN da USC visitan este sábado a Granxa Garabullos de Cospeito con Revolta Natural

A aprendizaxe do uso do animais e dos recursos naturais para cometidos didácticos centrará a usos didácticos centra os obxectivos desta expedición universitaria

Un total de 27 alumnos do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), un posgrao que se imparte na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo e que está dirixido polo profesor de Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, Eugenio Otero Urtaza, realizarán este sábado, día 17 de febreiro, unha visita ás instalacións da Granxa Garabullos, emprazada no municipio de Cospeito, da man da asociación Revolta Natural.

O obxectivo desta expedición universitaria non é outro que os propios alumnos coñezan de primeira man o funcionamento dunha granxa e o manexo dos animais, no transcurso dunha visita na que tamén poderán gozar dunha experiencia de contacto directo coa natureza. A presidenta da asociación Revolta Natural, Patricia Fouce, sinalou neste senso que os participantes desta expedición universitaria terán a oportunidade de familiarizarse e tamén ata de participar no coidado e no manexo dos animais da propia Granxa Garabullos, o que seguro lles permitirá ampliar as posibilidades do uso dos animais e mesmo dos recursos naturais para actividades educativas. Un paseo polo chamado Bosque dos Sentidos, un espazo natural que rodea as instalacións da Granxa Garabullos e no que poderán descubrir múltiples elementos obviados e ata ignorados no entorno natural e unha posterior ruta de sendeirismo ata a Lagoa de Cospeito completan as actividades programadas nesta visita, segundo explicou Patricia Fouce. A presidenta da asociación Revolta Natural comentou asemade que se as condicións meteorolóxicas o permiten os alumnos do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da USC tamén poderán desenvolver un observatorio ornitolóxico desde os propios miradoiros instalados a carón da Lagoa de Cospeito. A expedición á Granxa Garabullos de Cospeito organizada para este sábado ao abeiro da programación educativa do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza será a primeira das visitas que fará este grupo de alumnado á Terra Chá, a onde voltará o vindeiro 26 de febreiro, para completar a Ruta do Azúmara, no municipio de Castro de Rei, e o 2 de marzo, para visitar as instalacións do parque eólico experimental de Sotavento, emprazado no municipio de Xermade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2013.