Os alumnos da USC interesados en participar como voluntarios no Programa de Acompañamento de Estudantes deben apuntarse antes do 7 de outubro
Os alumnos da USC interesadas en participar como voluntarios no Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE) deberán apuntarse na Oficina de Relacións Exteriores antes do día 7 de outubro. O PAE é unha iniciativa da institución académica compostelá dirixida aos alumnos de intercambio participantes nos programas Erasmus, Séneca e convenios bilateriais, que ten a finalidade de dar a coñecer a cultura e lengua galegas aos alumnos foráneos.
O programa, que os alumnos que se apunten en calidade de voluntarios poderán validar por un crédito de libre configuración con independencia das titulacións, chega este curso á súa segunda edición impulsado pola USC en colaboración coa Mesa de Normalización Lingüística e co financiamento da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
Con anterioridade ao inicio das labores de acompañamento, os alumnos inscritos realizarán un seminario de formación que inclúe temas como a organización e planificación de actividades integradoras, os servizos de apoio aos estudantes de intercambio na USC, multiculturalidade e integración nas comunidades de acollida ou a recepción dos foráneos na sociedade galega. Ademais, realizarán visitas guiadas a institucións públicas e privadas nas que poderán coñecer distintas fórmulas e contextos cos que mostrar valores propios aos estudantes de fóra.
Os estudantes inscritos comprometeranse a acompañar e orientar aos alumnos estranxeiros como medio para promover a multiculturalidade e dar a coñecer a especificidade do “ser galego”.