Ir o contido principal

Ampliado ata o 17 de setembro o prazo de envío de resumos para o Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra

O Congreso desenvolverase entre o 14 e o 16 de outubro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Foto: Santi Alvite
O Congreso desenvolverase entre o 14 e o 16 de outubro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Foto: Santi Alvite
O foro desenvolverase o vindeiro mes de outubro baixo o lema ‘Raíces do coñecemento’

O Campus Terra da USC amplía ata o vindeiro 17 de setembro o prazo de envío de resumos para a primeira edición do Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora que este campus de especialización no eido agroalimentario e forestal desenvolverá do 14 ao 16 de outubro baixo o lema ‘Raíces do coñecemento’.

O foro diríxese a estudantado de grao, mestrado, predoutoral e novo persoal investigador -tanto da USC e universidades portuguesas como de outras universidades, centros de investigacións e institucións- interesado en compartir os seus resultados e poñerse en contacto con especialistas doutras areas A inscrición pode formalizarse en liña a través da web do congreso e os resumos deben enviarse a través do enderezo electrónico congreso.mocidadect [at] usc.gal (congreso[dot]mocidadect[at]usc[dot]gal) segundo as directrices establecidas polo comité organizador.

“O principal obxectivo deste congreso é crear un ambiente de encontro entre a mocidade investigadora ibérica, presentando as súas investigacións e no que poidan xurdir diversas colaboracións”, destaca a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera. En paralelo, o congreso convértese tamén nunha xuntanza de iniciación, divulgación e formación para os e as aspirantes, xa sexan de grao ou de mestrado, cara ao inicio ou consolidación dunha carreira investigadora. “A información e as experiencias compartidas son chave para aquelas persoas que elixen o camiño da investigación tras o remate dos seus estudos universitarios”, subliña a delegada.

O Congreso que se desenvolverá no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, atópase estruturado en nove liñas de investigación: produción vexetal sostible, produción e saúde animal sostibles, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), tecnoloxías ‘ómicas’, cambio climático, unha única saúde e historia e cultura no medio rural. O prazo de inscrición estenderase ata o 1 de outubro.

O Campus Terra de Lugo, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, nace como resultado do acordo entre a USC e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, coa intención de transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2024.