Ir o contido principal

Ampliado ata o 8 de maio o prazo para presentar propostas de comunicación para a Xornada Universitaria Galega en Xénero

Detalle do cartel
Detalle do cartel
‘Epistemoloxías feministas en acción’ é o lema desta nova edición que promoven as oficinas de Igualdade das universidade públicas galegas co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade
Lugo, Santiago de Compostela

A Xornada Universitaria Galega en Xénero (XUGEX) reflexiona na súa oitava edición sobre a orixe e evolución da orde política patriarcal e o seu impacto na andamiaxe cultural, institucional e cognitiva da sociedade e a universidade actual. Así, a xornada pretende debater dende unha mirada crítica feminista sobre o actual contexto multicrise (guerra en Europa, crise ambiental, feminización global da pobreza, ou crise financeira, entre outros aspectos) e o impacto que está a xerar na violencia de xénero e machista, na ciencia e na academia e tamén nos contidos docentes universitarios.

‘Epistemoloxías feministas en acción’ é o lema desta nova edición dunha iniciativa que promoven as oficinas de Igualdade das universidade públicas galegas co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade. Para poder participar, as persoas interesadas deberán enviar as súas propostas a través do formulario de comunicación dispoñible na web aos seguintes enderezos electrónicos, dependendo da área temática: violencia contra as mulleres (oficina.igualdade [at] udc.gal (oficina[dot]igualdade[at]udc[dot]gal)); mulleres, ciencia e investigación (igualdade [at] uvigo.es (igualdade[at]uvigo[dot]es)); ou perspectiva de xénero na docencia universitaria (oix [at] usc.gal (oix[at]usc[dot]gal)). As comunicacións presentaranse en sesións póster, agrupadas por áreas temáticas. O prazo para presentar propostas de comunicación remata o 8 de maio. O foro desenvolverase o 9 de xuño na UVigo.

Entre os seus obxectivos, o programa deseñado busca impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de calidade académica, así como intercambiar experiencia entre o persoal docente e investigador que xa integre a perspectiva de xénero na súa práctica docente e/ou investigadora e que teña interese en incorporala. Ademais pretende potenciar experiencias innovadoras que inclúan a perspectiva de xénero como un eixe de traballo e promover a creación de redes de colaboración multidisciplinares para integrar a perspectiva de xénero na actividade universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2023.